O impacto dos investigadores do programa Oportunius da Xunta alcanza os 123 M€

2026-07-07
  • Román Rodríguez destaca na presentación dun informe sobre este programa que é un factor decisivo “para reter e incorporar líderes científicos de primeiro nivel”
  • Desde o seu inicio, a captación de axudas europeas e o retorno obtido por este programa de I+G+i multiplica en máis de cinco os 21,4 M€ investidos pola Xunta
  • Na actualidade este programa apoia en Galicia a 45 investigadores que gañaron axudas ERC e que decidiron desenvolver a súa carreira na nosa Comunidade

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2026.- O programa Oportunius da Xunta de Galicia xerou un impacto económico de 123 M€ no ecosistema científico da nosa Comunidade grazas á atracción e retención de talento investigador para os centros de I+G+i e á proxección dos seus proxectos a escala nacional e internacional. Así se deriva do informe presentado hoxe nun encontro na Cidade da Cultura onde o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asegurou que é “un retorno moi importante e un exemplo da capacidade de xerar coñecemento e riqueza“.

Este programa é clave para xerar, atraer, recuperar e reter talento aos nosos centros de investigación e para a captación de fondos do Consello Europeo de Investigación (ERC), xa que todos os investigadores Oportunius reciben axudas deste órgano. As axudas do ERC captadas desde a nosa Comunidade entre 2007 e 2025 ascenden a 76,9 M€, que serviron para conformar unha base de investigadores e proxectos destacados no ámbito internacional. A esta captación hai que sumar outros 45,9 M€ conseguidos polos grupos que lideran precisamente os científicos do programa Oportunius, en especial en programas de investigación e de transferencia. Así, os 123 M€ achegados de forma directa e indirecta polas axudas ERC ao ecosistema de I+D+i de Galicia con Oportunius multiplican por 5,7 os 21,4 M€ investidos polo Goberno autonómico neste programa.

Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, subliñou que Oportunius “é decisivo para reter e incorporar ao ecosistema galego os líderes científicos de primeiro nivel que require o impulso ao noso sistema de investigación, en liña coa Galicia Calidade que procuramos“.

Máis de 300 empregos en 2025

O informe presentado hoxe sinala que os grupos liderados por gañadores do ERC contaban en 2025 con 320 persoas empregadas, persoal investigador e de soporte para I+D+i, das que o 47,2% era persoal investigador predoutoral, o 38,5% posdoutoral, o 10,5% persoal técnico e o 3,7% persoas dedicadas a tarefas de xestión.

Nestes momentos, Oportunius apoia en Galicia a 45 investigadores que gañaron axudas ERC e que dirixen 57 proxectos. Deles, 26 contan con contrato de Persoal Investigador Distinguido, unha cifra que está previsto incrementar ata os 31 a finais deste ano.

Dos 26 investigadores Oportunius contratados na actualidade, oito (o 30,8%) escolleron Galicia para desenvolver a súa carreira investigadora, sete (o 26,9%) retornaron á Comunidade logo de traballar noutros países e 11 (o 42,3%) apostaron por continuar a súa traxectoria en centros de investigación galegos, 20 deles pertencentes á rede de centros da Xunta que promove a excelencia científica, a Rede CIGUS.

En canto ás universidades, 18 fan o seu labor na Universidade de Santiago de Compostela (nove no CiQUS, catro no CIMUS, un no CiTIUS, un no IGFAE, un no CRETUS, un no IDEGA e un no iTERRA), catro na Universidade da Coruña (dous no CICA e dous no CITENI) e dous na Universidade de Vigo (no CIM). Dous máis forman parte do CISPAC, un centro interuniversitario compartido entre as tres universidades públicas galegas.

Terceira maior taxa de éxito en España

En 2025, de 54 candidaturas presentadas desde Galicia para obter financiación do ERC, 11 obtiveron axudas, o que supón unha taxa de éxito que sitúa a Galicia en terceira posición por detrás de Cataluña e Madrid. Ademais, no que vai de 2026 xa se alcanzou o mesmo número de candidaturas (54) que se presentaron ao longo de todo o ano 2025.

As previsións en Galicia son incorporar ata 2030 unha media de cinco novos líderes científicos por ano. “Oportunius é, xunto ás iniciativas Galtia, Retorna Talento I+G+I e Talentgal, unha peza angular da estratexia que nos permitirá captar máis dun cento de perfís científicos de primeiro nivel de aquí a 2030, perfís que Galicia require para acadar os obxectivos que nos marcamos en ámbitos como a biotecnoloxía, as tecnoloxías cuánticas, a intelixencia artificial ou as enerxías limpas”, expresou o conselleiro.