Román Rodríguez aborda co director da Axencia Estatal de Investigación os avances na I+G+I

2026-07-01
  • O conselleiro de Educación e Ciencia reúnese con José Manuel Fernández de Labastida na súa visita a Galicia para coñecer o ecosistema galego de investigación

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, reuniuse hoxe co director da Axencia Estatal de Investigación, José Manuel Fernández de Labastida, para abordar as posibilidades da I+G+i e os retos que se presentan para avanzar na excelencia nesta materia. Neste senso, trasladou ao representante do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades a vontade da Xunta de Galicia de seguir colaborando para acadar novas metas.

Acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o director do ente estatal puido coñecer de preto o traballo do ecosistema galego de investigación en distintas reunións e visitas. Precisamente, a I+D+i da nosa Comunidade participa en axudas e programas que xestiona a Axencia Estatal de Investigación como as axudas Ramón y Cajal ou Juan de la Cierva, dirixidas a investigadores, ou as Torres Quevedo, dirixidas á contratación de persoal doutor por empresas e centros tecnolóxicos.

En concreto, a comitiva visita este mércores o CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e mañá coñecerá o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías). Os catro pertencen á Universidade de Santiago de Compostela e forman parte da Rede CiGUS, a Rede de Centros de Investigación do Sistema Universitario de Galicia promovida pola Xunta para fortalecer a investigación de excelencia. Tamén mañá a comitiva visitará o INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio), centro do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) en Galicia.