Román Rodríguez celebra que máis de 130 empresas e axentes de I+D+i se interesen polo proxecto para fabricar en Galicia un prototipo do CERN

2026-06-23
  • Ata o 9 de xullo está aberta a consulta preliminar ao mercado para as compañías que queiran presentarse a un dos proxectos científicos máis ambiciosos a nivel mundial
  • O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) acolleu unha xornada para informar ás empresas especializadas do proceso e alcance desta iniciativa
  • O reto levarase a cabo grazas á colaboración da Xunta, do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) e da Universidade de Santiago

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026.- Máis de 130 empresas e axentes de I+D+i participaron hoxe nas xornadas informativas para coñecer o proceso para fabricar en Galicia un prototipo para o futuro acelerador de partículas do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear), un dos proxectos científicos e tecnolóxicos máis ambiciosos dos próximos anos a nivel internacional. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, celebrou o enorme interese e destacou que esta oportunidade pon de manifesto a excelencia do ecosistema científico da Galicia Calidade.

“É un orgullo para a nosa I+G+i que Galicia poida estar presente neste desafío mundial e é unha boa nova contar hoxe neste encontro cun número tan importante de empresas, mostra do interese que esperta no sector esta iniciativa”, expresou o conselleiro de Ciencia na xornada celebrada no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago de Compostela e da Xunta de Galicia, para dar a coñecer as necesidades deste proxecto internacional, no que varios países contribuirán á construción do Futuro Colisionador Circular con sede en Xenebra (Suíza).

Foron en total 53 representantes de empresas os que asistiron de modo presencial ao encontro de hoxe e cerca de 80 seguiron as xornadas online. Nestes momentos, ata o día 9 de xullo, está aberta unha consulta preliminar ao mercado para que as compañías interesadas en fabricar o prototipo formalicen a súa candidatura.

No encontro recibiron información sobre a participación neste reto, así como os obxectivos e o alcance que terá no ámbito galego, nacional e internacional. O conselleiro, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, animounas a participar e a implicarse neste proceso: “Sodes un elemento fundamental para que este proxecto de referencia internacional chegue a bo porto e poidamos fabricar en Galicia un dos prototipos para o colisionador do CERN“.

Colaboración a varias bandas

O obxectivo da nosa Comunidade de construír un prototipo para o futuro colisionador de partículas do CERN é posible grazas á colaboración da Xunta, do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e do IGFAE, centro de investigación da Rede CIGUS cunha longa experiencia e traxectoria de cooperación co CERN. Neste senso, a xornada contou coa participación da reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; o secretario xeral de CDTI, Francisco Javier Pérez, e o director do IGFAE, Carlos Salgado.

A consulta preliminar ao mercado servirá para coñecer o grao de desenvolvemento de tecnoloxías novidosas e relevantes no ámbito dos colisionadores de partículas para facer o prototipado completo e preindustrialización dunha sección representativa do futuro colisionador de partículas. A partir desta consulta, continuará o proceso de compra pública innovadora na modalidade de contratación precomercial levada a cabo polo CDTI e destinada a articular a participación de empresas e outros axentes do ecosistema de I+D+i. Este é un proxecto dos máis destacados para os próximos anos que marcará un antes e un despois para os axentes de I+D e rexións que consigan formar parte do mesmo.

Felicitación a Mar Capeáns

O futuro colisionador será unha infraestrutura científica de máis de 90 km de circunferencia baixo a fronteira entre Francia e Suíza, clave para impulsar avances en ámbitos con aplicación directa na sociedade como materiais supercondutores, aceleradores e detectores para uso médico, enerxía ou sistemas de transmisión eléctrica.

O conselleiro de Ciencia destacou que esta disposición de Galicia para formar parte deste proxecto de referencia europeo e internacional é froito de anos de traballo conxunto entre a nosa Comunidade e o CERN. O IGFAE é exemplo desta colaboración co laboratorio de física de partículas máis grande do mundo. Precisamente neste centro traballa a doutora en Física Mar Capeáns, científica galega que recibirá este ano a Medalla Castelao pola súa traxectoria excelente. Román Rodríguez afirmou que se trata “dunha das nosas científicas máis destacadas” e aplaudiu esta distinción.

Empresas especializadas

As empresas que participaron no encontro de hoxe contan con capacidades nos ámbitos do electromagnetismo (deseño e caracterización de sistemas magnéticos), ultra alto baleiro (deseño de cámaras e recubrimentos especiais), mecánica de precisión, metroloxía e aliñamento (fiducialización e posicionamento preciso), robótica e automatización (sistemas de operación remota), instrumentación e control (sensores e monitorización), simulación avanzada (modelos electromagnéticos, términos, estruturais e hidráulicos) e intregración e validación (cualificación e industrialización de sistemas complexos).