ITG, Naturgy e Flything desenvolverán unha plataforma enerxética para transformar residuos en produtos de alto valor engadido co apoio da Xunta

2026-06-19
  • A alianza entre o centro tecnolóxico e as empresas é posible grazas ao programa de unidades mixtas de investigación promovido polo Goberno autonómico
  • A directora de Axencia Galega de Innovación asiste na Coruña á presentación da iniciativa, que conta cun orzamento de case 2,5 M€ ata 2028 para avanzar en bioeconomía circular, descarbonización e transferencia de tecnoloxía á industria

A Coruña, 19 de xuño de 2026.- A Xunta de Galicia impulsa unha alianza entre o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e as compañías Naturgy InnovaHub e Flythings Technologies para desenvolver unha plataforma enerxética que transformará residuos en produtos de alto valor engadido. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe na Coruña na presentación desta iniciativa, que é posible grazas ao programa de unidades mixtas de investigación do Goberno galego.

En concreto, neste caso transformaranse residuos como lodos de depuradora, restos orgánicos e biomasas, en produtos de alto valor engadido como biocombustibles (hidrochar e biometano) e vectores enerxéticos sostibles (hidróxeno e syngas). Para iso, a nova unidade mixta combinará distintas tecnoloxías e incorporará sistemas híbridos de almacenamento con baterías e supercondensadores, ademais de empregar ferramentas como Internet das cousas, os xemelgos dixitais e a aprendizaxe automática.

Dotada con 2,46 M€, dos que 0,98 M€ proceden da axuda da Xunta de Galicia cofinanciada con fondos europeos do programa Galicia Feder 21-27, a alianza traballará ata finais de 2028 no desenvolvemento dunha plataforma enerxética e integral.

Programa de éxito

A unidade mixta, bautizada como POWER2X, é unha das dez apoiadas a través da última edición desta convocatoria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a través da que se adxudicaron máis de 11 M€ e agárdase mobilizar 27,6 M€. Este instrumento leva desde 2014 apoiando a innovación colaborativa e a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo. En total, apoiáronse 64 unidades mixtas, que implican a 52 empresas e 16 centros de coñecemento, cunha mobilización de máis de 180 M€.