A Xunta captará máis dun centenar de científicos internacionais cos novos programas do plan de I+G+i
2026-06-16
O Porriño/Vigo, 9 de xuño de 2026.- A Xunta impulsa dúas novas unidades mixtas de investigación, alianzas entre centros e empresas para realizar I+D+i punteira, neste caso en sectores clave como son a automoción e a biotecnoloxía. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta mañá en sendos actos de presentación de SMARTMOVE e D’AIRA, unidades mixtas lideradas respectivamente polos centros tecnolóxicos CTAG e Gradiant, no Porriño e Vigo. A representante da Xunta destacou o interese estratéxico de senllas alianzas para seguir impulsando a nosa I+G+i. Con estas dúas unidades mixtas, a provincia de Pontevedra suma cinco dun total de 10 apoiadas na última convocatoria da Xunta e lidera así a captación destas iniciativas estratéxicas. Entre as dúas suman un orzamento total de máis de 4M€, dos que 1,6M€ son de axuda pública cofinanciada con fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 21-27.
A directora da Axencia lembrou a capacidade das unidades mixtas de investigación para atraer empresas de fóra que desenvolvan o seu I+D en Galicia en colaboración con organismos de investigación, como neste caso. Subliñou, ademais, o aliñamento de ambas unidades mixtas coa política de I+D+i da Xunta de Galicia que ten situado as tecnoloxías limpas, as tecnoloxías profundas, como a IA, e a biotecnoloxía como iniciativas de alto impacto. Estas dúas novas unidades mixtas foron apoiadas na última convocatoria da Xunta de Galicia, resolta no pasado mes de abril e na que se subvencionaron un total de dez alianzas, que se desenvolverán entre 2026 e 2028 co cofinanciamento de fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Desde 2014, ano no que se puxo en marcha este instrumento, a Xunta leva apoiadas xa 64 unidades mixtas de investigación, coa participación de 52 empresas e 16 centros de coñecemento galegos, mobilizando máis de 180 millóns de euros.
Interese estratéxico
O centro tecnolóxico de automoción CTAG chega con esta ás 15 unidades mixtas impulsadas desde o inicio do programa no 2014. Cun orzamento de preto de 2,2M€ e unha axuda de preto de 900.000€, o centro alíase coas empresas vascas Begas Motor, especializada no deseño, desenvolvemento, produción e comercialización de motores para uso de combustibles alternativos, e Kinergy Fuel Cell, startup tecnolóxica experta en desenvolvemento de sistemas de xeración de enerxía baseados en pilas de combustible. Xuntos desenvolverán ata 2028 sistemas e tecnoloxías de control avanzado para solucións de mobilidade sostible baseadas en hidróxeno e, máis concretamente, o deseño dunha electrónica dual de nova xeración capaz de xestionar tanto motores alternativos como pilas de combustible.
Pola súa banda, a unidade mixta D’AIRA, que lidera o centro tecnolóxico Gradiant coa participación das empresas galegas Mestrelab Research, experta en desenvolvemento de software de procesado e análise de datos de laboratorio, e Hifas da Terra, especializada na I+D e produción de solucións biotecnolóxicas baseadas en fungos medicinais, aspira a impulsar a I+D no sector químico e biotecnolóxico a través da xestión avanzada de datos científicos, a aplicación da intelixencia artificial e a ciberseguridade. Dotada cun orzamento de 1,9 M€ e unha axuda de preto de 800.000€ ata 2028, constitúe a sexta unidade mixta impulsada por Gradiant.