A Xunta captará máis dun centenar de científicos internacionais cos novos programas do plan de I+G+i
2026-06-16
Lugo, 27 de maio de 2026.- A Xunta e o Clúster da Saúde de Galicia unen esforzos para impulsar a excelencia e a competitividade do sector biotecnolóxico galego, apostando por mellorar a súa posición a nivel internacional. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e a presidenta do Clúster da Saúde de Galicia, Rocío Mosquera, firmaron hoxe un convenio de colaboración co obxectivo de situar á nosa Comunidade como polo de referencia en biotecnoloxía.
O acordo tivo lugar nas instalacións do Grupo AMSLab, en Lugo, mostra do desenvolvemento da I+G+i de alto nivel no conxunto do territorio. Nese senso, participaron na sinatura o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, así como o xerente do Clúster da Saúde de Galicia, Iván Rarís, e o CEO do Grupo AMSLab, Manuel Lolo.
O acordo, cun orzamento de 350.000€ ata 2027, recolle un plan de actividades que levará a cabo o Clúster da Saúde en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, para impulsar a competitividade e a transferencia no tecido empresarial. Neste novo período, tras un convenio anterior de tres anos de duración, o acordo Inclúe a vixilancia tecnolóxica e de mercados para incrementar as capacidades de transferencia e dinamización das empresas e entidades autonómicas, a detección de oportunidades de financiamento e participación en proxectos nacionais e internacionais vencellados á saúde ou o apoio ao tecido produtivo para adaptarse á intelixencia artificial.
Dous estudos e catro misións internacionais
Entre as accións previstas, desenvolveranse dous estudos estratéxicos sobre ecosistemas internacionais de referencia no ámbito tecnolóxico para avaliar o valor que poida achegar a Galicia. Organizaranse, ademais, catro misións internacionais baixo o modelo Learning Expedition (LEX) co fin de formalizar acordos e medir o seu impacto.
Visibilizar as mellores prácticas, proxectos e entidades que impulsan a innovación, a transferencia e o impacto social no ámbito da saúde e da biotecnoloxía en Galicia a través dos premios RIES é outra das accións incluídas neste convenio, así como reforzar a visibilidade institucional e a proxección exterior de Galicia en biotecnoloxía e saúde mediante a marca Galicia, the best way in biotechnology.
A evolución do sector biotecnolóxico en Galicia é un dos piares da nosa I+G+i, a ciencia e a innovación feitas na Galicia Calidade. Este convenio forma parte do programa Ciencia Empresa, que busca apoiar a investigación empresarial e a transferencia de coñecemento cara as pemes. Nese senso, o Goberno galego está a preparar a Estratexia de excelencia da biotecnoloxía en Galicia 2026-2030 que presentará proximamente para dar resposta aos retos formulados no Plan galego de investigación a innovación 25-27, que fixa a biotecnoloxía como un dos ámbito prioritarios neste eido en Galicia.
Román Rodríguez gaba o labor de AMSLab
Tras a sinatura, o conselleiro de Ciencia realizou un percorrido polas instalacións de AMSLab e as principais áreas do laboratorio. Na visita, puido coñecer de primeira man as capacidades, tecnoloxías e liñas de traballo deste grupo punteiro en biotecnoloxía, que ofrece solucións innovadoras desde 2008. Céntrase na análise e control de calidade, investigación, fabricación e desenvolvemento de produtos nos sectores agroalimentario, veterinario, industria farmacéutica e saúde, todo baixo unha visión One Health, é dicir, cun enfoque integrador traballando conxuntamente desde varias disciplinas.
Román Rodríguez destacou que AMSLab é un actor relevante no sector biotecnolóxico galego, con case dúas décadas de especialización neste sector. “Entidades e compañías coma esta, punteiras no seu ámbito, na biotecnoloxía, e cunha ampla capacidade de internacionalización, son os piares da Galicia Calidade e o exemplo de que a nosa I+G+i faise desde diferentes puntos da xeografía galega“, expresou o conselleiro.