A Xunta reforza con 130 M€ a aposta polas tecnoloxías cuánticas e a IA para impulsar a I+G+i

2026-05-15
  • A directora da Axencia Galega de Innovación comparece no Parlamento, onde destaca que estas iniciativas de vangarda transformarán sectores como a saúde, a enerxía, a biotecnoloxía, a industria agroalimentaria ou os servizos públicos
  • Galicia sitúase como referente en IA e tecnoloxía cuántica grazas a proxectos como o CESGA, a autopista de comunicacións ultra seguras ata Valença, a estación óptica da UVigo, a Factoría europea de IA ou dous novos laboratorios de alta tecnoloxía

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2026.- A Xunta reforza con 130 M€ a súa aposta polas tecnoloxías profundas, como son a cuántica e a intelixencia artificial, para impulsar a I+G+i. O ecosistema galego demostrou nos últimos anos que conta con capacidade científica, o tecido empresarial e o talento necesarios para situarse á vangarda das deep tech seguindo as directrices de Europa. Así o puxo de relevo hoxe a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, quen compareceu a petición propia ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia para explicar os progresos acadados nesta liña a través do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

Dos 130 M€ destinados a fortalecer capacidades estratéxicas de futuro en Galicia, 35,4 M€ corresponden a convocatorias xa resoltas vinculadas a proxectos de IA e cuántica, como Nexos, VInnovate, Unidades Mixtas, programas predoutorais, postdoutorais ou doutorados industriais e Ignicia. Ademais, outros 12,7 M€ son para convocatorias que o Executivo galego vai publicar proximamente nestes ámbitos. Outro fito importante para a I+G+i é a Factoría de IA europea adxudicada a Galicia, que mobilizará 82 M€.

Todas estas iniciativas demostran a adaptación do ecosistema galego de I+D+i ás tecnoloxías avanzadas. Segundo expuxo a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, “a intelixencia artificial e a cuántica son tecnoloxías con capacidade para transformar sectores como a saúde, a enerxía, a biotecnoloxía, a industria agroalimentaria, a loxística ou os servizos públicos, ademais de crear emprego cualificado e abrir novas oportunidades económicas”.

Logros en IA e cuántica

Galicia logrou situarse nunha boa posición na integración da IA. Ademais da fábrica europea de IA OneHealth, unha das 19 factorías de ámbito europeo aprobadas pola Comisión Europea, na folla de ruta da nosa comunidade enmárcanse iniciativas relevantes como o novo centro de datos do CESGA, clave para reforzar as capacidades de computación avanzada.

O CESGA é unha peza clave en toda esta estratexia. No ámbito da cuántica, dispón xa do computador Qmio de 32 cúbits, o primeiro instalado nunha institución pública en España e o máis potente do sur de Europa. “Imos seguir avanzando coa incorporación dun novo computador cuántico de 54 cúbits, cun investimento de 9 M€”, destacou Carmen Cotelo, quen resaltou tamén o papel do Vigo Quantum Communication Centre (VQCC) da Universidade de Vigo e da Universidade da Coruña, a través do CITIC, que está a impulsar unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación.

Por outra banda, o Goberno autonómico ultima a construción de laboratorios con capacidades experimentais únicas en España: o CESGA-AtlanTTic e o IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab, cun investimento de 4,6 M€ entre fondos europeos e propios. Ademais, púxose en funcionamento a autopista de comunicacións cuánticas máis longa de España, de 120 km entre Santiago e Vigo, que agora se ampliará a Valença, e a estación óptica terrestre da UVigo para comunicacións espaciais, a maior de España. Ademais, Galicia liderará un val europeo de innovación especializado en cuántica.

Dous novos instrumentos

Entre as próximas convocatorias descritas pola directora, consta a de Vinnovate Galicia, instrumento pioneiro de cooperación entre empresas e entidades de distintas rexións europeas, á que a Xunta destinará un millón de euros para proxectos vinculados ás tecnoloxías profundas ou a biotecnoloxía. Tamén se reforzará o programa de Recuperación Excelencia NEOTEC, dirixido a empresas innovadoras de base tecnolóxica que non contaron con financiamento estatal. “Neste caso, destinaremos un 30% do orzamento a este tipo de proxectos dentro dunha convocatoria global de 2,73 M€ para rescatar os proxectos galegos que non puideron ser financiados”, expresou a directora da Axencia Galega de Innovación. En canto ao novo programa Ciencia-Empresa, para proxectos individuais de I+D empresarial con capacidade de transferencia e impacto económico real, activouse unha convocatoria dotada con 3 M€ dos que 2,4 M€ se reservan a este eido. “A convocatoria acaba de pechar o prazo cunha resposta moi positiva: o 92% dos proxectos presentados son sobre tecnoloxías avanzadas”, afirmou.

A Xunta está rematando tamén a tramitación doutras dúas liñas de nova creación: a convocatoria Deep Tech, que facilitará proxectos colaborativos en IA e cuántica, e outra de proxectos colaborativos de I+D+i en biotecnoloxía. “Son instrumentos, financiamento e capacidades para que Galicia participe activamente no desenvolvemento destas tecnoloxías e nos grandes espazos europeos de innovación”, engadiu Carmen Cotelo.