Galicia e Portugal unen esforzos coa ampliación da liña de comunicación cuántica Santiago-Vigo para ser territorio clave para a ciberseguridade na UE

2026-05-14
  • A Xunta de Galicia participa en Lisboa no lanzamento do proxecto IberianQCI, dotado con 10,6 M€ para conexións transfronteirizas, que permitirá estender nunha primeira fase ata Valença do Minho a autopista para transmisións ultra seguras
  • Román Rodríguez destaca que este avance decisivo é o resultado dunha relación sólida entre Galicia e Portugal no ámbito da I+D+I, que permitirá situar a Península Ibérica na vangarda da tecnoloxía cuántica e da ciberseguridade
  • Galicia achega 1 M€ a este proxecto, no que o CESGA e a UVigo son clave para o despregamento da liña cuántica, que nun futuro está previsto que chegue a Lisboa
  • Esta arteria ibérica será fundamental na construción da rede europea EuroQCI, que protexerá os datos sensibles e as infraestruturas críticas de Europa e servirá de defensa do territorio europeo ante posibles ataques

Lisboa, 14 de maio de 2026.- Galicia e Portugal dan un paso importante para a ciberseguridade na UE, converténdose nun territorio clave na creación da rede europea EuroQCI para comunicacións ultra seguras e protección ante posibles ataques. A Xunta de Galicia participou hoxe en Lisboa no lanzamento do proxecto IberianQCI, que permitirá ampliar ata Portugal a liña de comunicación cuántica de 120 kms entre Santiago de Compostela e Vigo xa rematada. Nesta primeira fase, cun orzamento de 10,6 M€ para conexións transfronteirizas e cun prazo de execución ata 2029, a autopista cuántica ampliarase ata Valença do Minho, uns 30 kms máis. O fin último é completar esta liña ibérica ata Lisboa, convertendo a fachada atlántica en territorio chave na ciberseguridade de toda Europa.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe no acto celebrado en Lisboa que IberianQCI é un exemplo do esforzo compartido e da comunicación entre dous territorios que camiñan unidos para fortalecer as infraestruturas e a seguridade de Europa. “Estou convencido de que desde esta fachada atlántica constribuiremos á construción da rede de seguridade máis importante do continente para os próximos anos, que require de liñas ultra seguras para afrontar os retos do futuro“, expresou. “A liña de 120 km entre Santiago e Vigo supuxo un fito para a nosa I+G+i, apostando por un eido con moita proxección que marcará un antes e un despois na protección dos territorios“, engadiu.

Logo da posta en marcha desta liña de comunicación cuántica, a máis longa de España por terra, e tamén unha das maiores nestes momentos no continente europeo, Galicia ampliará esta arteria ata Portugal, establecendo así a conexión transfronteiriza co país veciño.

Este paso supón a continuación do traballo feito ata agora en Galicia, especialmente polo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Universidade de Vigo (UVigo) a través do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), adscrito ao centro de investigación AtlanTTic, da Rede CIGUS, e amosa o compromiso de Galicia coa I+D+i no ámbito das tecnoloxías disruptivas, como a cuántica, unha aposta que sitúa a nosa Comunidade como unha referencia no conxunto de Europa.

Entidades participantes

Coordinado por Deimos Engineering and Systems en Portugal, no proxecto IberianQCI participan entidades lusas e españolas, como Infraestruturas de Portugal, o Instituto de Telecomunicaçoes, o Instituto Superior Técnico ou Altice Labs. Ademais dos galegos xa citados Cesga e Universidade de Vigo, completan a listaxe de participantes o Instituto de Ciencias Fotónicas, Indra Sistemas de Comunicación Seguras, Telefónica Innovación Dixital e a Universidade Politécnica de Madrid. Román Rodríguez agradeceu no acto de hoxe ao ministro de Infraestruturas e Vivenda de Portugal, Miguel Pinto; ao presidente de Infraestruturas, Miguel Cruz; ao secretario de Estado de Dixitalización, Bernardo Correia, e á coordinadora de IberianQCI, Catarina Bastos, a colaboración e o traballo do país veciño.

Protección de datos

O proxecto europeo do IberianQCI-Iberian Quantum Communication Infrastructure contempla a interconexión das infraestruturas nacionais de España e Portugal mediante conexións cuánticas tanto terrestres como baseadas no espazo. A prevision é que chegue a Lisboa a través da conexión coa troncal terrestre norte-sur que prepara Portugal e que xa ten despregada na área metropolitana de Lisboa. O país veciño traballa agora na infraestrutura que permitirá conectar a Rede Cuántica Portuguesa (PTQCI) desde Lisboa ata a Rede Transfronteiriza de Valença-Galicia pasando por Aveiro e Porto. A rede europea EuroQCI permitirá protexer infraestruturas críticas como redes eléctricas e sistemas de control de tráfico aéreo, transaccións bancarias ou datos de saúde e garantir a confidencialidade nas comunicacións gobernamentais e militares.

Tamén conexións por satélite

Ademais da liña terrestre, o proxecto IberianQCI despregará conexións espaciais, con estacións terreas ópticas como a recentemente estreada en Vigo, que serán clave para as conexións espaciais co satélite Eagle-1, que será lanzado en 2026. A Estación Óptica Antonia Ferrín, vinculada precisamente ao Vigo Quantum Communication Center, é a maior de España. As demais estacións estanse a preparar en Barcelona, Lisboa e Madrid. Todas elas serán fundamentais para conectar coas principais misións europeas e internacionais no espazo coa máxima seguridade.