A biotecnoloxía consolídase como un sector económico e científico puxante en Galicia

2026-05-06
  • O balance da Estratexia de consolidación 21-25 sitúa a nosa comunidade como rexión de referencia neste sector, con 30 novas empresas, o triple de empregos e unha facturación de 2.037 M€, que cuadriplica a de 2021 e supón o 2,6% do PIB
  • A representante do Goberno galego destacou os bos resultados e o esforzo compartido de todo o ecosistema biotecnolóxico galego
  • Xunta e sector traballan na actualidade na Estratexia de excelencia 26-30, que se presentará proximamente e reforzará o posicionamento internacional de Galicia

Vigo, 6 de maio de 2026.- Os bos resultados acadados nos últimos anos en biotecnoloxía sitúan a Galicia nunha posición de referencia neste sector, con moita proxección de futuro. A directora da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, participou esta mañá nunha dobre sesión do evento Galicia Biodays, foro da industria biotecnolóxica que reúne estes días en Vigo a expertos internacionais, e destacou o éxito da Estratexia de consolidación do sector 21-25 na súa ponencia Liderando a biotecnoloxía desde Galicia. Na sesión de apertura da xornada, resaltou tamén a importancia do esforzo compartido de todos os axentes do ecosistema biotecnolóxico galego.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apuntou que a biotecnoloxía pasou de ser unha aposta estratéxica a converterse nun sector económico e científico con masa crítica, capacidades diferenciais e resultados medibles. Así o amosan os resultados acadados na execución da Estratexia de consolidación do sector en Galicia 21-25. Entre eles, destaca a creación de 30 novas empresas biotecnolóxicas, acadando a cifra de 162 compañías actuais; unha facturación de 2.037 M€, que cuadriplica a de 2021 e se sitúa no 2,6% do PIB; ou o aumento do emprego cualificado vencellado ao sector, acadando as 5.693 persoas traballadoras, tres veces máis desde 2021.

Por outra banda, o sector acadou un investimento histórico en I+D, con 175 M€ de gasto en I+D no 2024, que representa o 16,6% do gasto total da comunidade, e logrou captar 45 M€ de investimento privado, superando o obxectivo de 30 M€ e con dous novos fondos de capital risco operando en Galicia. Ademais, os datos de creación de empresas, intensidade do gasto en I+D biotecnolóxica e porcentaxe de investigadores do sector bio sitúan a Galicia como a segunda comunidade autónoma de España, só por detrás de Cataluña.

Esforzo compartido e fitos acadados

A directora da Axencia Galega de Innovación atribuíulle estes bos resultados ao esforzo compartido de todo o ecosistema biotecnolóxico galego, que colabora estreitamente para impulsar o crecemento do sector e destacou algúns dos fitos acadados nos últimos anos. Entre eles, destaca a creación de dous centros de servizos avanzados para o sector como o Biopolo da Sionlla e o Centro de Investigación Empresarial de Mestrelab, a creación do centro de terapias avanzadas CAR-T ou a concesión a Galicia dunha fábrica europea de IA especializada en OneHealth.

Para rematar, Carmen Cotelo lembrou que Xunta e sector están traballando conxuntamente na elaboración da nova estratexia de excelencia do sector, para o período 26-30, que se presentará proximamente e que persegue situar a Galicia como un referente internacional nesta materia.