Xunta e Bioga asinan un convenio de colaboración para reforzar o sector biotecnolóxico galego

2026-04-29
  • O acordo, cun orzamento de 350.000 euros dos que a Xunta achega 250.000, busca conectar as capacidades de coñecemento e as demandas empresariais ata 2027
  • O conselleiro de Ciencia destaca o traballo que se leva a cabo en Galicia “para darlle ao sector o mellor futuro”, como se reforzará coa nova Estratexia de excelencia de biotecnoloxía 2026-2030 que se presentará proximamente
  • Román Rodríguez visita tamén as instalacións do grupo Zendal, dedicado á fabricación de vacinas e produtos no ámbito da saúde animal e humana

O Porriño (Pontevedra), 29 de abril de 2026.- A Xunta de Galicia e Bioga intensifican forzas para darlle á biotecnoloxía galega o mellor futuro. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o presidente do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), José Manuel López Vilariño, asinaron este mediodía na sede do grupo Zendal no Porriño un convenio de colaboración para levar a cabo actuacións de reforzo do sector biotecnolóxico empresarial galego, especialmente de conexión entre as capacidades de coñecemento e as demandas empresariais co obxectivo de multiplicar o impacto económico deste sector.

Fixar un plan de atracción internacional a Galicia, como polo de atracción de talento, spin-offs, startups, empresas e investigadores biotech ou accións para captar investimento privado para a transferencia tecnolóxica son algúns dos obxectivos deste acordo. Desde 2015 a Xunta colabora con Bioga a través de convenios, cun importe que alcanza 1,5 M€, que permitiron impulsar o crecemento do talento, o coñecemento, a innovación, a transferencia e a competitividade da biotecnoloxía en Galicia.

Román Rodríguez destacou a importancia de seguir impulsando o sector biotecnolóxico galego para darlle o mellor futuro, polo seu potencial transformador no resto de sectores produtivos de Galicia. Non en balde, a biotecnoloxía está identificada como unha iniciativa de alto impacto no Plan galego de I+D+i 25-27 pola súa capacidade para impulsar unha transformación profunda e lograr un impacto económico relevante na economía galega. A biotecnoloxía conta, así mesmo, cunha estratexia propia, elaborada conxuntamente, que vén impulsando o sector desde 2016.

Cun importe próximo aos 350.000 euros para o bienio 2026-2027 dos que a Xunta achega 250.000 euros, o convenio inclúe actuacións encamiñadas a potenciar a capacidade de innovación do clúster e os servizos que presta aos seus asociados e ao conxunto do ecosistema biotecnolóxico galego. Entre estes servizos destacan, ademais do plan de atracción internacional cara Galicia e accións para captar investimento privado, o programa de innovación ColaBIOrativa e un hackaton ou maratón tecnolóxico centrado en bioemprendemento, o Biocamp. No ámbito da dinamización e seguimento do sector, o convenio inclúe a organización dos Premios Bioga, apoio á Estratexia de excelencia da biotecnoloxía de Galicia ou o programa Biotech Showcase Galicia, no que se enmarca, por exemplo, o evento Galicia Biodays que se celebrará os vindeiros 6 e 7 de maio en Vigo.

Con estas medidas búscase seguir contribuíndo ao cumprimento dos obxectivos da Estratexia de consolidación do sector da biotecnoloxía de Galicia 2021-2025 e os da nova Estratexia de excelencia da biotecnoloxía en Galicia 2026-2030, que se presentará proximamente. Desde 2015 o traballo conxunto neste sector facilitou o posicionamento e a cohesión do ecosistema biotecnolóxico galego, ademais de dinamizar o emprendemento.

Visita a Zendal

Posteriormente á sinatura do convenio, o titular de Ciencia da Xunta visitou as instalacións de Zendal no Porriño, un dos grupos farmacéuticos máis relevantes do sector en España con máis de 30 anos de experiencia en I+D+i e fabricación de vacinas no eido da saúde animal e humana. Román Rodríguez puxo a Zendal como exemplo de competitividade e capacidade de internacionalización do sector biotecnolóxico galego, con presenza en 65 países e incluída pola Comisión Europea como infraestrutura dentro do proxecto EU FAB para asegurar a produción de vacinas e outros medicamentos en situacións de emerxencia sanitaria.