O centro de investigación de Borgwarner remata a súa construción cun investimento da Xunta de 5 M€

2026-04-28
  • O centro de investigación empresarial atópase en fase de equipamento e prevese a súa apertura para o último trimestre do ano
  • Neste momento xa ten contratados 22 profesionais, 10 patentes rexistradas e colabora con sete empresas e dous centros tecnolóxicos
  • O conselleiro de Ciencia destaca a aposta da Xunta por este centro de referencia, que será clave para investigar tecnoloxías avanzadas para a mobilidade eficiente

Nigrán, 28 de abril de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Innovación e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou esta mañá o novo centro de investigación de Borgwarner centrado na mobilidade eficiente e sostible, o eMobility Advanced Research Center (eMARC). A infraestrutura, situada no polígono de Porto do Molle en Nigrán, xa ten as instalacións rematadas, atópase en fase de equipamento e prevese a súa apertura para o último trimestre do ano.

O titular de Ciencia da Xunta destacou o papel clave que desempeña este centro no ecosistema galego de I+D+i, achegando capacidades á investigación en solucións tecnolóxicas innovadoras que permitan avanzar cara a propulsión limpa e enerxeticamente eficiente. En concreto, o centro de investigación de Borgwarner, que recibiu unha axuda de 5 M€ do Goberno autonómico, conta cunha superficie de 5000m² —1000m² máis dos previstos inicialmente-. Nesta fase inicial, xa se contrataron 22 novas persoas, formalizou ao rexistro de 10 patentes e está colaborando con sete empresas e dous centros tecnolóxicos.

Esta infraestrutura, segundo apuntou Román Rodríguez, non só contribuirá a investigar novos produtos que engrosen a carteira da empresa, senón que tamén funcionará como un centro tractor que xere coñecemento no eido da electrónica e da xestión térmica para atender os retos da electromobilidade na industria da automoción, e tamén noutras industrias de distintos sectores, coma o do transporte.

Asentar I+D no territorio

O novo centro da multinacional líder en compoñentes de automoción Borgwarner amosa o seu compromiso con Galicia como emprazamento clave para a xeración de coñecemento e desenvolvemento de talento do grupo.

Ademais desta axuda, Borgwarner vén de ser incluído na recente resolución para desenvolver un Centro Mixto de Investigación, apoiado pola Xunta con 1,4 M€, en colaboración co centro tecnolóxico CTAG e a peme Little Electric Car para a investigación en módulos térmicos para vehículos eléctricos resilientes e innovadores. Ademais, ten un doutorando industrial desenvolvendo a súa tese co apoio da Xunta.