O CiQUS incorpora a un investigador da universidade de Valladolid grazas ao programa Oportunius

2026-04-28
  • O conselleiro de Ciencia recibe a Cristóbal Pérez, que desenvolverá o seu traballo na USC, e agradécelle que elixa Galicia para desenvolver a súa carreira
  • É un dos 25 científicos Oportunius con contrato de Persoal Investigador Distinguido, aos que este ano se unirán seis máis para reforzar a captación de talento

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recibiu hoxe ao investigador Cristóbal Pérez, que se incorpora ao CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) da Universidade de Santiago grazas ao programa Oportunius da Xunta. O representante autonómico gabou a traxectoria do novo científico, que procede da Universidade de Valladolid, e agradeceulle que aposte por Galicia para desenvolver o seu proxecto Hydrochiral.

Cristóbal Pérez é un dos 25 investigadores Oportunius contratados pola Xunta como Persoal Investigador Distinguido, unha cifra que este ano chegará aos 31 coas seis novas prazas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). A Xunta reforza así a atracción de talento investigador, conseguindo que traballen xa desde centros de investigación galegos sete científicos que, como Cristóbal Pérez, optaron por Galicia a través do programa Oportunius para desenvolver os seus prestixiosos proxectos.

“Sen dúbida o traballo dos investigadores que se incorporan aos nosos centros contribuirán á excelencia da I+G+i”, expresou o titular de Ciencia na recepción na que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. Ao respecto, puxo en valor a traxectoria deste científico e animouno a potenciar o seu traballo mediante a colaboración con investigadores do tecido produtivo galego e con científicos doutros países.

Destacada traxectoria

Cristóbal Pérez obtivo o título de doutor en Química pola Universidade de Valladolid en 2011. Logo de estancias de investigación en Estados Unidos (Universidade de Virginia) e en Alemaña (Instituto Max Planck), en 2021 uniuse de novo á Universidade de Valladolid como Investigador distinguido Beatriz Galindo Senior no Departamento de Química Física e Química Inorgánica.

Recibiu diversas axudas e contratos de investigación de moito prestixio, entre eles Juan de la Cierva, Ramón y Cajal, Ikerbasque Research Fellow e a bolsa Alexander Von Humboldt. En 2023 logrou a Consolidator Grant, unha das axudas máis importantes do ERC (ERC), para desenvolver o seu proxecto Hydrochiral, destinado a ampliar as investigacións sobre a auga e a quiralidade. Pérez súmase agora ao equipo do CiQUS, centro que forma parte da Rede CIGUS que agrupa á elite da investigación galega.

Proxecto punteiro

O proxecto HydroChyral aborda o desenvolvemento de nova instrumentación que permitirá investigar o papel da auga nos procesos biolóxicos, fundamental para comprender o funcionamento dos organismos vivos.

Os seus resultados abrirán novos horizontes non só para a investigación fundamental en química física e física molecular, senón tamén en aplicacións farmacéuticas coma o descubrimento de novos fármacos.

Programa Oportunius

Desde o seu inicio, o programa Oportunius é fundamental na estratexia da Xunta no ámbito da investigación, co obxectivo de que científicos galegos, doutras comunidades autónomas e doutros países escollan Galicia para consolidar unha traxectoria científica excelente, apostando por unha contorna profesional atractiva e calidade de vida.

Dos 25 contratos realizados ata o momento, o 44% (11) permitiron reter en Galicia a investigadores que poderían marchar a outros destinos, sete (o 28%) corresponden a profesionais que marcharan previamente e retornan grazas ao programa Oportunius e outros sete (28%), entre os que se atopa Cristóbal Pérez, optaron por trasladarse a traballar á nosa Comunidade. Dos 25 científicos de destacada traxectoria, 18 están en centros de investigación da USC e, en concreto, nove no CiQUS, sendo o centro cun maior número de contratos Oportunius.

A cifra total de investigadores Oportunius chegará a 31 nos próximos meses, coas seis novas contratacións, ás que a Xunta destina este ano 6,2 M€. Desde a súa posta en marcha en 2014, a inversión total neste programa é de 27,6 M€. Unha vez realizadas as incorporacións, o retorno previsto para todo o período é de 150 M€, o que supón multiplicar por máis de cinco o orzamento público achegado.