A Xunta busca posicionar Galicia como territorio de innovación biotecnolóxica internacional

2026-04-28
  • O Executivo autonómico apoia os Galicia Biodays, evento de referencia no ámbito europeo, que reunirá en Vigo a máis de 1000 persoas os días 6 e 7 de maio
  • Xunta e sector traballan nestes momentos na definición da futura Estratexia de excelencia da biotecnoloxía de Galicia 26-30, que será presentada este verán
  • O conselleiro de Ciencia destaca a fortaleza de Vigo e a súa área no sector biotecnolóxico, clave polo seu impacto no progreso económico e social de Galicia

Vigo, 28 de abril de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe en Vigo na presentación das xornadas Galicia Biodays que a Xunta busca posicionar Galicia como un territorio de referencia en innovación biotecnolóxica no ámbito internacional. Neste camiño, “é fundamental a aposta por foros coma este, que mostra todo o potencial da Comunidade neste sector e que xa é unha cita obrigada para a industria biotecnolóxica europea”, resaltou.

Román Rodríguez, acompañado da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, sinalou que este evento que se celebrará os días 6 e 7 de maio no Auditorio Mar de Vigo permitirá reforzar a marca Galicia Calidade en biotecnoloxía, fomentar o intercambio de coñecemento e establecer novas colaboracións científicas, empresariais e institucionais. De feito, está previsto que asistan máis de 1000 persoas e 9 biorrexións convidadas, con máis de 800 reunións e máis de 130 relatores.

Para o titular de Ciencia, Galicia Biodays converteuse nun evento clave para o sector en Europa, “un claro exemplo da fortaleza de Vigo e a súa área no campo da biotecnoloxía“.

Actualmente, Xunta e sector traballan na definición da nova Estratexia de excelencia da biotecnoloxía de Galicia 26-30, que está previsto presentar proximamente. Segundo apuntou o titular de Ciencia, “Galicia é unha potencia no mundo bio, que non sería posible sen o traballo de todo un sector e un ecosistema que medrou nos últimos anos“.

Neste senso, a biotecnoloxía está identificada como un ámbito clave no actual Plan galego de I+D+i 25-27, polo seu potencial para contribuír ao desenvolvemento doutros sectores estratéxicos e lograr un impacto económico relevante no territorio. Por iso, a Xunta de Galicia, en colaboración co clúster Bioga, leva executando estratexias de apoio ao sector en Galicia desde 2016.

O obxectivo desta folla de ruta, que está sendo elaborada a través dun proceso participativo, é acadar a excelencia en Galicia do sector biotecnolóxico nos vindeiros anos e posicionarse como unha biorrexión de referencia a nivel internacional.

Participación no evento

A Xunta de Galicia participará en Galicia Biodays coa ponencia Liderando a biotecnoloxía dende Galicia, na que a directora da Axencia Galega de Innovación presentará as capacidades do ecosistema galego e fará balance da estratexia de consolidación do sector, rematada en 2025. Pola súa banda, o Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia) presentará as súas iniciativas no ámbito do OneHealth. En concreto, o demostrador multisectorial de espazo de datos e a factoría europea de IA. Ademais, contará cun stand propio no espazo do foro e unha delegación de Estados Unidos, Brasil e Portugal visitarán o centro para coñecer os seus proxectos e infraestruturas.