Xunta e UVigo inauguran a maior estación de España para comunicacións espaciais con tecnoloxía cuántica

2026-04-16
  • É a infraestrutura máis potente no país que permitirá conectar coas principais misións europeas e internacionais no espazo con máxima seguridade
  • O conselleiro de Ciencia destaca que se trata dun paso moi importante que permitirá posicionar a Galicia na vangarda do futuro das comunicacións
  • Formará parte dunha rede que se está despregando en Lisboa, Madrid e Barcelona para transmisións cando se lance ao espazo o satélite Eagle-1

Vigo, 16 de abril de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, inaugurou esta mañá xunto ao reitor da Universidade de Vigo, Manuel Joaquín Reigosa, a estación óptica terrea para comunicacións cuánticas Antonia Ferrín, a maior de España e que sitúa a Galicia nunha posición de vantaxe no campo da transmisión espacial de máxima seguridade. O titular de Ciencia da Xunta subliñou que é a infraestructura máis importante de España agora mesmo en tamaño e resaltou que supón un paso moi importante para posicionar na vangarda a I+D+i, a ciencia e a innovación feitas na nosa Comunidade.

A estación inaugurada hoxe mellora a que opera no Instituto Leonardo Torres Quevedo de Madrid e son as dúas principais instalacións preparadas para establecer conexión co satélite Eagle-1 mediante tecnoloxía cuántica. Román Rodríguez, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou que forma parte dunha rede que se está despregando en Lisboa, Madrid, Barcelona e que cando estea o satélite no aire, previsto para finais de 2026 ou principios de 2027, permitirá crear unha constelación de comunicacións ultraseguras. O titular de Ciencia agradeceu ao reitor de Vigo, Manuel Reigosa, polo papel da universidade neste proceso, así como ao catedrático da UVigo e investigador principal do proxecto e director do Vigo Quantum Communication Center (VQCC), Marcos Curty e subliñou o talento dos investigadores que traballan neste centro, que contan co apoio da Xunta para seguir desenvolvendo todo o seu talento e capacidades. Estes avances en tecnoloxía cuántica colocan a Vigo como unha das principais cidades de España nesta materia, indicou Román Rodríguez.

O conselleiro engadiu que esta actuación, que permitirá conectar coas principais misións europeas e internacionais de satélites cuánticos, consolida a Galicia entre as rexións líderes en Europa en tecnoloxías cuánticas, grazas á combinación de infraestruturas avanzadas, talento investigador e unha folla de ruta clara de investimento e desenvolvemento. De feito, no 2025 inaugurouse a liña de comunicación cuántica máis longa de España, unha autopista para a transmisión de datos con tecnoloxía cuántica de 120 km de lonxitude entre Santiago e Vigo, que sitúa a Galicia nunha posición destacada tamén nas comunicacións por terra.

A estación, que leva o nome da matemática, astrónoma e profesora galega Antonia Ferrín Moreiras, conta cun telescopio cun espello de 80 cm de diámetro que se empregará como receptor das sinais dos satélites de comunicacións cuánticas que está previsto despregar nos vindeiros anos no marco das principais misións europeas e internacionais, como as misións Eagle-1 e SAGA da Axencia Espacial Europea. Esta instalación permitirá formas de comunicación ultraseguras baseadas nos principios da física cuántica. Román Rodríguez indicou que a estación marcará, sen dúbida, un antes e un despois no desenvolvemento tecnolóxico.

Galicia, referente en tecnoloxías cuánticas

Nos últimos anos, Galicia está a consolidarse como un referente das tecnoloxías cuánticas en España e Europa grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia, as universidades, os centros da I+D+i e as empresas. Neste eido, destaca a concesión recentemente dun val de innovación especializado en tecnoloxía cuántica liderado por Galicia no que participarán nove países europeos e que contará cun investimento de 14,3 millóns de euros. Ademais, o Cesga acaba de adquirir un novo ordenador cuántico, que amplía as capacidades do Qmio. Así mesmo, ademais da liña cuántica por terra estanse a crear dous laboratorios compartidos entre o Cesga e o VQCC e o Cesga e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías).