Os centros tecnolóxicos captaron 49 M€ para innovación en sectores punteiros para a economía galega
2026-05-13
Santiago de Compostela, 15 de abril.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, subliñou o talento de Galicia no ámbito da investigación no acto de entrega dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, de Xornalismo Científico Celia Brañas e de Divulgación Científica 2026, no que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo. Ademais de científicos que contribúen a situar a investigación galega en postos destacados, resaltou a importancia de contar con voces autorizadas que sexan quen de contar a ciencia e transmitir a magnitude dos avances científicos e tecnolóxicos na Galicia Calidade.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP colabora coa Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na convocatoria destes galardóns, que premian casos de éxito de transferencia de coñecemento en Galicia e recoñecen o papel dos medios de comunicación en achegar a ciencia á sociedade. A translación de resultados dos centros de I+G+i ao tecido produtivo é unha das prioridades de Galicia, tal e como recolle o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Galardóns
O premio de Divulgación Científica 2026 é para o neurocientífico Xurxo Mariño, doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago, especializado en Neurofisioloxía e profesor do departamento de Fisioterapia, Medicina e Ciencias Biomédicas da Universidade da Coruña. Mariño conta cunha ampla traxectoria en investigación e tamén en difusión do coñecemento científico, con colaboracións en medios de comunicación e a publicación de varios libros.
O premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2026 recae na xornalista Teresa Rocamonde, pola reportaxe Os fármacos do centeo emitida en 2025 na Televisión de Galicia, e o accésit é para a xornalista Cinthya Martínez e o cámara Alejandro López-Benito, pola reportaxe titulada Así es el Google Maps de los cirujanos, publicada en La Voz de la Salud, suplemento do xornal La Voz de Galicia.
Os galardóns á Transferencia Tecnolóxica en Galicia 2026, destinados a recoñecer os traballos de investigación aplicada e casos de éxito en transferencia de coñecemento, son para dous proxectos distinguidos entre as 90 propostas presentadas. O premio Francisco Guitián Ojea recae no proxecto mellora o tratamento do ictus isquémico, do Grupo Ictus Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), liderado polo científico Francisco Campos, en colaboración co Instituto de Investigación VHIR Vall d’Hebron. En canto ao Premio Fernando Calvet Prats, o proxecto galardoado está coordinado por Miguel Ramón Díaz-Cacho e a tecnoloxía que permite a dixitalización e o control do selado das latas na industria alimentaria que se desenvolveu neste traballo transferiuse á firma galega Actega Artística (O Porriño), que se dedica ao deseño de envases metálicos.