Os centros tecnolóxicos captaron 49 M€ para innovación en sectores punteiros para a economía galega
2026-05-13
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2026.- O Centro de Investigación Mestrelab (CIM), referente en biotecnoloxía, conta xa con 56 científicos traballando a diario nas súas instalacións. Desde a súa inauguración en 2024, este centro posto en marcha no ámbito empresarial co apoio da Xunta logrou crear 27 empregos, aos que se suman 29 investigadores de alto nivel das nove empresas que se uniron á actividade deste centro. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, clausurou esta mañá a xornada de presentación destes primeiros resultados en Santiago de Compostela.
O titular de Ciencia da Xunta destacou a capacidade deste centro para atraer investigadores que traballen desde Galicia e contribúan a reforzar a aposta da Xunta pola I+G+i, ademais de subliñar o papel do propio CIM como centro de excelencia na investigación de ferramentas de intelixencia artificial, información e software con aplicación nas ciencias da vida, que non só vén cubrir as necesidades de crecemento en investigación da empresa, senón que ofrece un espazo común a outros actores importantes do ecosistema de innovación no ámbito da biotecnoloxía.
35 publicacións científico-técnicas
Entre os logros acadados ano e medio despois da súa inauguración, sobresae o establecemento de colaboracións internacionais co grupo Lonza e co ecosistema científico e académico galego como os centros universitarios da Rede CIGUS, o hub Datalife ou a Agencia Española de Supervisión de la Inteligencia Artificial (AESIA) e a integración en organismos como Gradiant ou Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga). Neste tempo, o CIM presentou 35 publicacións científico-técnicas, presentacións e comunicacións en congresos, así como unha solicitude de patente europea.
Ademais, no CIM instaláronse e operan nove empresas: Celtarys, Chemosapiens, BFLOW, Albor Biotech, Batea Oncology, Nostrum Biodiscovery, Fujitsu, Tempus Microscopy e Energhius, xerando actividade industrial e emprego de alta cualificación.
Este centro de investigación conta co apoio da Xunta de Galicia; pois recibiu máis de 4 M€ para poñer en marcha as instalacións e aumentar así a capacidade tecnolóxica do ecosistema galego de I+D+i.
As principais liñas de investigación deste centro son a intelixencia artificial aplicada ás investigacións en bioloxía estrutural, a sustentabilidade e circularidade e novas actividades de investigación na xestión e procesado de datos en espectrometría de masas exacta.