A unidade mixta de Coren, Sertogal e a Uvigo incorporará tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas

2026-04-14
  • O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, visita a planta do grupo Coren para coñecer a alianza investigadora cun proxecto punteiro no sector avícola de carne
  • A Xunta destina 1,8 M€ a esta unidade mixta de investigación para a UVigo, que impulsará un modelo de produción sustentable, dixitalizado e baseado na saúde e benestar animal
  • É unha das sete novas unidades apoiadas nunha convocatoria dotada con 11 M€ e que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia

Ourense, 14 de abril de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou esta mañá a planta do grupo Coren en Ourense para coñecer o proxecto de investigación alimentaria no que traballará conxuntamente coa Universidade de Vigo e a empresa Sertogal. Esta nova unidade mixta de investigación, chamada Sostenave, á que a Xunta de Galicia destina 1,8 M€, incorporará tecnoloxías dixitais avanzadas ás granxas e optimizará procesos produtivos para contribuir á sustentabilidade e calidade da avicultura de carne galega. O conselleiro destacou o avance no campo da I+G+i que supoñen as alianzas entre empresas e universidades galegas, situando a ciencia e a investigación feitas en Galicia na vangarda.

O conselleiro de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou a contribución desta liña de axudas a impulsar a transferencia de coñecemento desde os centros de I+D ao tecido empresarial e a mellorar a competitividade das empresas galegas, así como a desenvolver as capacidades dos organismos de investigación. Na visita participaron o conselleiro e controller do Grupo Coren, Alberto Requejo, a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo, María Belén Rubio Armesto, o vicerreitor do Campus de Ourense da Uvigo, Francisco Javier Rodríguez Rajo, e o director de Sertogal, Sergio Rodríguez.

Esta unidade mixta de investigación, que conta cun orzamento total de preto de 4,4 M€, é unha das sete novas creadas na última convocatoria, como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG). Neste senso, o conselleiro apuntou que desde 2014 a Xunta leva apoiadas 64 unidades mixtas nas que teñen participado 52 empresas e 16 centros de coñecemento galegos mobilizando máis de 180 M€.

A través desta colaboración público-privada perséguese abordar dun xeito integral os principais retos do sector, desde a nutrición e o manexo na granxa ata o procesado e a valorización de subprodutos, incorporando a economía circular, a eficiencia enerxética e as tecnoloxías dixitais avanzadas. Deste xeito, Sostenave pretende impactar directamente na competitividade e resiliencia do sector agroalimentario galego, contribuíndo á súa descarbonización, ao uso eficiente dos recursos e á oferta de alimentos máis seguros, saudables e de alto valor engadido. Para isto conta coa experiencia do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación e do Instituto de Física e Ciencias Aeroespaciais da Universidade de Vigo, que lidera o consorcio ; o papel tractor de Coren, que identifica as necesidades reais da industria, aporta unha contorna de validación e garante a aplicabilidade e a transferencia dos resultados, e os coñecementos de Sertogal, peme ourensá especializada en solucións de dixitalización e modelización avanzada aplicadas a procesos industriais e agroalimentarios.

11 M€ para apoiar dez unidades de investigación

Esta visita coincide coa publicación no DOG da resolución da nova convocatoria desta liña de axudas. A través desta resolución a Xunta facilitará a creación de sete novas unidades e permitirá a tres xa existentes evolucionar de fase. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP destaca que con este investimento público de 11 M€ mobilizará máis de 27,6 M€ de capital público-privado.

As unidades mixtas desenvolverán os seus proxectos en sectores estratéxicos como a saúde, a alimentación, a enerxía, a mobilidade sostible, a acuicultura ou o naval. Esta liña enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina máis de 41 M€ a través de catro grandes convocatorias : Nexos (22,6 M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (6 M€), Recuperación de excelencia Neotec (1,6 M€) e, agora, Unidades Mixtas de Investigación (11,05 M€).