Galicia amosa as capacidades do CESGA e o potencial da I+G+i ao ministro para a Transformación Dixital

2026-04-09
  • O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, recibe a Óscar López no Centro de Supercomputación de Galicia, que está reforzando as súas infraestruturas e recursos para converterse nun centro de referencia a nivel internacional

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, recibiu esta mañá ao ministro para a Transformación Dixital e a Función Pública, Óscar López, no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). O percorrido, no que tamén participaron a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, e o vicepresidente de Investigación Científica e Técnica do CSIC, José María Martell, serviu para amosarlle ao representante estatal as capacidades da Comunidade galega no eido da I+G+i, a ciencia e a innovación feitas en Galicia, neste caso en campos como a computación de altas prestacións, a intelixencia artificial e as tecnoloxías cuánticas, nos que aspira a converterse nun centro de referencia a nivel internacional.

Entre os proxectos que lle presentaron, cuxa explicación correu a cargo do director científico do CESGA, Lois Orosa, destaca a contribución do centro á predición meteorolóxica galega, á previsión oceánica europea ou á realización de análises xenómicas para o Servizo Galego de Saúde (Sergas).

No eido das tecnoloxías cuánticas, puxéronse en valor as infraestruturas coas que conta o centro, como o computador cuántico Qmio, con 32 Qbits —o primeiro de España nunha institución pública- e o novo computador, recentemente adquirido de 54 Qbits, así como a posta en marcha da liña de comunicacións cuánticas máis extensa de España. Así mesmo, informouse da ampliación de infraestruturas do centro, e que inclúen un data center, o novo supercomputador Finisterrae IV e o citado computador cuántico, todo elo cofinanciado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia a través do Perte Chip.