Galicia amosa as capacidades do CESGA e o potencial da I+G+i ao ministro para a Transformación Dixital
2026-04-09
Paderne de Allariz, 25 de marzo de 2026.- O proxecto europeo PICOBELLO (Piloting Collaborative ways to Better Living Locally), no que participa a Axencia Galega de Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, reuniu a cuarta reunión do grupo de interese local na rehabilitada Estación de Cantoña en Paderne de Allariz, coa colaboración do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (INORDE). Na reunión participaron representantes de entidades públicas, académicas e outros axentes do territorio como a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER), a Cámara Oficial Mineira de Galicia, as fundacións FEUGA, Juana de Vega e Roberto Rivas e a Universidade da Coruña.
A xornada centrouse nos principios da New European Bauhaus (NEB) —sustentabilidade, estética e inclusión— e na súa aplicación no ámbito local, especialmente na súa integración nas políticas públicas e nos instrumentos de planificación.
O encontro comezou cunha benvida por parte do INORDE, entidade anfitrioa, seguida dunha visita á Estación de Cantoña, un espazo impulsado por esta entidade para a transformación e comercialización de produtos locais, que exemplifica a conexión entre territorio, produción e innovación.
Durante a sesión abordouse o marco conceptual da New European Bauhaus e a súa aplicación nas políticas públicas, así como a folla de ruta para a elaboración dos plans de I+D+i a nivel local, considerados o principal instrumento para incorporar as aprendizaxes do proxecto.
A reunión concluiu cun espazo de posta en común, no que as persoas asistentes puideron compartir reflexións e propostas, reforzando o enfoque participativo do proxecto.
Avances do proxecto no ámbito europeo
En paralelo a estas actividades a nivel rexional, o proxecto PICOBELLO continúa a desenvolver a súa axenda de traballo no ámbito europeo. Recentemente, o consorcio participou nun workshop celebrado en Silesia, no que as entidades socias intercambiaron experiencias e boas prácticas relacionadas coa aplicación dos principios da New European Bauhaus en distintos contextos territoriais.
Este tipo de encontros internacionais permiten reforzar o traballo desenvolvido a nivel local, facilitando a transferencia de coñecemento e a identificación de solucións innovadoras adaptables ás necesidades de cada rexión.
O proxecto PICOBELLO, financiado polo programa Interreg Europe, ten como obxectivo mellorar as políticas públicas vinculadas ao desenvolvemento territorial mediante enfoques colaborativos e innovadores, promovendo unha mellor calidade de vida a nivel local.