Galicia amosa as capacidades do CESGA e o potencial da I+G+i ao ministro para a Transformación Dixital
2026-04-09
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2026.- A Xunta de Galicia blinda o apoio ás pequenas e medianas empresas no seu desenvolvemento en materia de I+G+i a través do novo programa Ciencia-Empresa, dotado con 3 M€, que foi presentado hoxe polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nun acto no que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.
O titular de Ciencia do Goberno galego asegurou que o lanzamento desta convocatoria, unha das novidades do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, responde a unha demanda das pemes, expresada durante o proceso de elaboración do Plan galego de I+D+, de dispoñer dunha liña que lles permitise financiar proxectos de investigación e desenvolvemento adaptados ás súas especificidades e singularidades. Trátase da posta á disposición dunha nova ferramenta para apoialas “nas súas investigacións” e minimizar así o risco inherente a estas fases da I+D+i.
Segundo explicou Román Rodríguez, a convocatoria, que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, está aberta a proxectos de calquera ámbito temático, aínda que pon o foco nas áreas que o Plan galego de I+D+i identifica como prioritarias para o futuro económico do país como son a biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas –como a intelixencia artificial e as tecnoloxías cuánticas– e as enerxías limpas, en liña tamén coa estratexia europea.
Solicitudes ata o 27 de abril
Poderán acollerse á mesma as pequenas e medianas empresas que desenvolven a súa actividade en Galicia e que executen, entre os anos 2026 e 2028, proxectos de investigación e desenvolvemento experimental de carácter individual. Teñen de prazo ata o 27 de abril para presentar as solicitudes.
A intensidade da axuda oscila entre o 40 e o 75% e a contía máxima é de 375.000€ por proxecto, dependendo do tamaño da empresa (se é pequena ou mediana) e da categoría do proxecto (investigación industrial ou desenvolvemento experimental).
Esta nova liña está financiada con fondos europeos no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Ademais, co fin de mitigar o alto índice de incerteza dos procesos de I+D e incentivar a adopción de proxectos deste tipo, a convocatoria contempla a posibilidade de obter anticipos de ata o 80% da subvención total concedida.
Xeración de resultados tanxibles
O obxectivo do programa Ciencia Empresa é potenciar a I+G+i e reforzar a capacidade de Galicia para transformar coñecemento en valor económico, apoiando a investigación que se realiza nas empresas (como xa se fai tamén coas universidades e os diferentes centros de investigación existentes que traballan no noso territorio) e a xeración de resultados tanxibles. Para iso, impúlsanse proxectos neste eido liderados por pemes galegas, favorecendo o emprego cualificado e a retención e atracción de talento.
Galicia mantén unha evolución positiva no investimento en I+D, con 11 anos consecutivos de crecemento e unha cifra récord en 2024 de 1.058 millóns de euros, un 10% máis e por riba do crecemento medio estatal. Este avance débese tamén en boa medida ao incremento do investimento empresarial, que acadou máximos históricos, cun incremento do 10% e un volume de investimento de 510 millóns de euros. No entanto, o peso das empresas no investimento total en I+D en Galicia continúa por debaixo da media estatal e europea. Nesta liña, o obxectivo desta convocatoria é seguir reforzando o investimento privado e impulsar novos proxectos de I+D empresarial en Galicia.