Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal

2026-03-19
  • A directora da Axencia Galega de Innovación participa en Braga nun foro no que varios países europeos analizan o uso desta ferramenta
  • A Comunidade galega é pioneira e referente neste instrumento de contratación e impulso á innovación, na que se levan investidos 476 millóns de euros

Braga (Portugal), 19 de marzo de 2026.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou hoxe en Braga a longa traxectoria de Galicia no uso da Compra Pública de Innovación, na que leva investidos 476 M€ en diferentes proxectos e que se identifica como unha iniciativa de alto impacto no Plan galego de I+G+i 25-27 no obxectivo común de construír a mellor Galicia Calidade.

Durante a súa participación no Encontro Nacional de Compra Pública de Innovación, a representante da Xunta salientou que o recente informe Índice para a medición da Compra Pública de Innovación, da Fundación Cotec, conclúe que Galicia se atopa por enriba da media europea e moi por riba da media estatal na presenza de referencias á innovación na súa contratación pública e encabeza as rexións de España que se colocan por enriba do dato europeo de contratos que conteñen catro ou máis criterios de innovación.

Na ponencia O ecosistema de Compra Pública de Innovación galego: instrumentos e casos de uso, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP explicou que o uso desta ferramenta comezou no 2010 no ámbito da saúde, situándonos como rexión pioneira e referente en Europa con proxectos como Hospital 2050, InnovaSaúde, Código 100, Empattics e Innovatrial.

Nos últimos anos expandiuse a outras áreas como a educación, a dixitalización dos servizos públicos, solucións medioambientais e de sustentabilidade e territorios e infraestruturas intelixentes, grazas ao compromiso e visión a longo prazo do Goberno galego ao respecto, con estruturas de coordinación, metodoloxías estandarizadas, uso estratéxico dos fondos de cohesión e colaboración intersectorial.

Entre os retos de futuro, a directora xeral apuntou o emprego sostido da contratación innovadora, a expansión a novos sectores e retos emerxentes e o aliñamento coas prioridades europeas de innovación e ás oportunidades de financiamento.

No encontro, celebrado en Braga, interviron tamén representantes de Alemaña, Brasil, Portugal e Reino Unido. Ademais da devandita ponencia, a representante da Xunta participou tamén na mesa redonda Como é un sistema de apoio á contratación de innovación eficaz?.

Mellorar os servizos públicos

A Compra Pública de Innovación é unha ferramenta de contratación que permite desenvolver e acelerar solucións baseadas en I+D+i que non están dispoñibles no mercado ou que necesitan ser adaptadas, co obxectivo de mellorar os servizos públicos e impulsar a innovación empresarial. A directora xeral apuntou que esta ferramenta se ten demostrado como unha panca capaz de impulsar esta realidade desde o ámbito público e despregar solucións baseadas en coñecementos que melloren a calidade de vida dos cidadáns en áreas como a saúde, o medio ambiente ou a educación.