Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2026.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou esta mañá os resultados das entidades galegas nas últimas convocatorias resoltas polo Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI). Fíxoo na inauguración da xornada informativa sobre a convocatoria Innoglobal Feder 2026, na que detallou que as entidades galegas lograron captar 24,3 M€ nas convocatorias de 2025 Cervera, Misións Ciencia e Innovación e Neotec.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apuntou que estes datos consolidan a Galicia como un dos territorios con maior capacidade de captación de fondos competitivos estatais de I+D+i. A través do programa Cervera de CDTI, seis centros tecnolóxicos galegos —CTAG, Gradiant, AIMEN, ITG, ANFACO-CYTMA e CETIM— obtiveron 10,3 M€ para o desenvolvemento de dez proxectos estratéxicos en cooperación con outros centros tecnolóxicos do Estado. Galicia sitúase así na terceira posición en captación de fondos e participa en 10 dos 13 proxectos apoiados.
Pola súa banda, 11 empresas galegas captaron 12,2 M€ no marco do programa Misións Ciencia e Innovación 2025 para desenvolver 12 proxectos de I+D+i en cooperación. Galicia ocupa a cuarta posición tanto en captación de fondos como en participación en proxectos, o que multiplica case por cinco a edición anterior, reflectindo o avance do ecosistema empresarial galego en proxectos colaborativos de alto impacto tecnolóxico e estratéxico.
Por último, na convocatoria Neotec 2025, seis pemes innovadoras galegas obtiveron 1,8 M€ para a posta en marcha de novos proxectos empresariais de base tecnolóxica. Galicia sitúase en sexta posición en captación de fondos nesta liña.
A representante da Xunta felicitou ao ecosistema e animouno a participar tamén na convocatoria que hoxe se presentaba, Innoglobal Feder 2026. Neste sentido, Carmen Cotelo apuntou a grande oportunidade que supón esta convocatoria que, entre 2025 e 2026, está previsto que destine 40 M€ axudas. Informou, ademais, aos asistentes de que a Xunta de Galicia dispón de instrumentos específicos para apoiar a participación galega nestes programas, como os servizos de asesoramento á cooperación internacional en I+D+i da Enterprise Europe Network-Galactea Plus, que se presentaron no marco da xornada.
Neste caso, o ente estatal financia a participación española en proxectos de cooperación internacional en I+D+i. Para iso, é preciso que as empresas acudan previamente a estes programas e obteñan unha avaliación favorable a nivel internacional.