Nove proxectos de investigación levarán os seus resultados ao mercado co apoio do programa Ignicia da Xunta

2026-03-10
  • O conselleiro de Ciencia participa na presentación destas iniciativas, ás que o Goberno galego destina 4 M€ e que permiten xerar emprego de calidade
  • Os beneficiarios desta edición son tres proxectos da USC, dous da UVigo, dous do centro tecnolóxico AIMEN, un da UDC e outro do centro tecnolóxico Gradiant
  • A iniciativa leva apoiados un total 41 proxectos, dos que 13 xa e constituíron como spin-off, 3 asinaron acordos de comercialización e 21 se atopan en execución
  • Román Rodríguez destaca a aposta do Goberno autonómico pola transferencia do coñecemento do laboratorio á sociedade a través do Plan galego de I+G+i 25-27

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na presentación dos nove proxectos seleccionados na última convocatoria Ignicia Proba de Concepto. “A Xunta destina para facilitar a chegada ao mercado destas iniciativas, que están agora iniciando a súa execución, no prazo de dous anos”, destacou o titular de Ciencia, que estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Neste sentido, o conselleiro sinalou esta iniciativa como “un dos principais instrumentos da Xunta para facilitar a transferencia de coñecemento producido no sistema de I+G+i galego á sociedade”. “Reforzar que os resultados da investigación cheguen máis e mellor á cidadanía é, precisamente, un dos obxectivos fundamentais do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 e que constitúe un dos piares da Galicia Calidade que estamos a construír entre todos”, salientou Román Rodríguez.

De feito, desde a posta en marcha de Ignicia en 2016, a Xunta apoiou xa 41 proxectos cun investimento de 17 M€, dos que 16 xa chegaron ao mercado. Deles, 13 constituíronse como spin-offs e dan emprego de alta cualificación a máis de 150 persoas e os outros tres asinaron acordos coa industria para a comercialización dos seus resultados. Outros 21 están en execución, mentres que catro non acadaron os obxectivos de venda.

A este respecto, Román Rodríguez quixo destacar o impacto económico de Ignicia, dado que os proxectos apoiados lograron captar xa máis de 29M€ en investimentos públicos e privados a nivel rexional, nacional e europeo. “Estes datos amosan que esta iniciativa, pioneira e referente a nivel estatal, consegue o aproveitamento económico dos resultados da investigación, a creación de emprego de carácter cualificado e a mobilización e atracción de investimentos públicos e privados cara a Galicia”, afirmou.

Variedade de sectores

A Xunta resolveu o decembro pasado a quinta edición da convocatoria de Ignicia Proba de Concepto, na que se apoia a chegada ao mercado de nove proxectos, nos que están involucrados 47 investigadores, con 4 M€. En concreto, os beneficiarios desta edición son tres proxectos da Universidade de Santiago de Compostela, dous da Universidade de Vigo, dous do centro tecnolóxico AIMEN, un da Universidade da Coruña e outro do centro tecnolóxico Gradiant. Oito destes proxectos pretenden chegar ao mercado cunha spin-off, mentres que un propón o licenciamento á industria da súa tecnoloxía. Todos os proxectos apoiados nesta convocatoria poden consultarse no dossier anexo (pdf).

As iniciativas, que acaban de arrincar cun prazo estimado de dous anos, pertencen a unha ampla variedade de sectores: dous teñen como prioridade a sostibilidade desde o sector enerxético e a biotecnoloxía industrial; outros tres, a dixitalización na industria, o sector saúde e están relacionados coa intelixencia artificial, a criptografía e impresión 3D. Os catro restantes teñen como prioridade o enfoque nas persoas, desenvolvendo tecnoloxías no ámbito da medicina de prevención, rexenerativa e de precisión.

Spin-offs

No transcurso da presentación as entidades de capital risco Xesgalicia e Unirisco, expuxeron estratexias de captación de investimento en proxectos tecnolóxicos. Ademais, presentáronse as dúas últimas spin-offs creadas co apoio do programa, ambas promovidas polo centro tecnolóxico Gradiant. Trátase de Kiur, xurdida do proxecto ACE (Acute Advanced Cutaneous Evaluator) e Dokken, nacida de ITDP (Tecnoloxía de Procesamento Intelixente de Documentos).

KIUR consiste nunha aplicación dirixida a profesionais sanitarios que busca dar apoio ao persoal das áreas sanitarias galegas na cura de feridas crónicas. Pola súa banda, Dokken é unha ferramenta orientada a optimizar a eficiencia operativa en diversas industrias mediante a automatización de procesos e a mellora da xestión de datos. Con estas dúas spin-offs, o programa xa suma 13 empresas creadas.

Tecnoloxía xerada en Galicia

O programa Ignicia desenvólvese a través de dúas liñas de actuación complementarias: Ignicia Proba de Concepto, a convocatoria para apoiar as entidades que queiran lanzar proxectos de investigación, e Ignicia Transferencia, que desprega un conxunto de actuacións especializadas de apoio, seguimento de indicadores de transferencia ou posicionamento do programa Ignicia nos eidos rexional, nacional e internacional.

Este instrumento ten como obxectivo potenciar a valorización do coñecemento dos centros de I+D+i da nosa Comunidade, impulsando a creación de novas spin-offs e acordos de licenza de comercialización da tecnoloxía xerada en Galicia.