Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026.- A Xunta de Galicia vén de adxudicar a adquisición do novo supercomputador Finisterrae IV e un sistema de almacenamento de datos do Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia) por máis de 25 M€ a Fsas Technologies, a división global de Fujitsu dedicada ao negocio de centros de datos e computación de altas prestacións. O novo Finisterrae IV contará cunha arquitectura de cómputo de última xeración deseñada para afrontar cargas extremas de intelixencia artificial, simulación avanzada e análise de datos a grande escala.
Cómpre destacar que o novo supercomputador é un equipo disruptivo especialmente orientado a intelixencia artificial e aplicacións intensivas en procesamento gráfico, fronte ao actual Finisterrae III, que é un computador de altas prestacións convencional. A súa potencia de cálculo compleméntase cunha arquitectura de almacenamento xerarquizada e de alto rendemento, incrementando a velocidade de acceso á memoria por 13 e a velocidade de transferencia de datos por oito, ademais de duplicar a capacidade total de almacenamento en disco. Deste xeito, este enfoque garante un acceso eficiente e sostido aos datos, mesmo nos escenarios máis esixentes.
Todo o sistema foi deseñado cunha forte énfase na eficiencia enerxética e a sustentabilidade. Todo o sistema empregará tecnoloxías avanzadas de refrixeración líquida que permitirán optimizar a súa eficiencia enerxética e a sustentabilidade.
Posicionamento punteiro de Galicia
Esta arquitectura posicionará ao Finisterrrae IV como unha plataforma de computación de altas prestacións de referencia, preparada para soportar as demandas actuais e futuras da computación científica, a intelixencia artificial a grande escala e os fluxos de datos intensivos, combinando potencia, eficiencia e escalabilidade nun único deseño integrado.
O Finisterrae IV sumarase aos recursos xa dispoñibles a través da Rede Española de Supercomputación, unha Infraestrutura Científico Técnica Singular do Estado. Este equipamento permitirá impulsar o desenvolvemento dos servizos orientados a intelixencia artificial, modelización e simulación científica, análise de datos de altas prestacións, favorecendo así o liderado de Galicia, completando a oferta actual do Cesga, un centro dependente da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Así mesmo, contribuirá a manter e reforzar a competitividade dos centros de investigación, dos centros tecnolóxicos e das empresas, tanto a nivel autonómico como nacional, dotándoos dunha infraestrutura científica punteira que permita desenvolver unha investigación efectiva nun amplo abanico de disciplinas.
Reforzo das capacidades do Cesga
Este orzamento enmárcase no investimento de 56 M€, o maior realizada no Cesga ao longo da súa historia, para construír un novo edificio e mellorar as súas capacidades coa adquisición de novos equipamentos para, así, convertelo nun referente a nivel nacional e internacional no ámbito da computación de altas prestacións. Estas actuacións están financiadas con fondos europeos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, no marco do PERTE Chip, e con fondos propios da Xunta, dentro da aposta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP no ámbito da I+G+i.
Estas novas infraestruturas complementarán o recentemente adquirido computador cuántico de 54 cúbits da finlandesa IQM provisto por Telefónica. O obxectivo destas accións é reforzar o Cesga como un centro de referencia no ámbito nacional e europeo, que estea á vangarda en infraestruturas de computación, así como no coñecemento sobre tales infraestruturas. Así mesmo, o novo edificio e o seu equipamento permitiranlle ao Cesga seguir mellorando os servizos que presta e que redundan nunha mellora da calidade de vida dos galegos, ademais de contribuír ao fortalecemento e á ampliación das colaboracións que o centro mantén con empresas tractoras de diversos sectores e que resultan en melloras competitivas destas.