Galicia expón no Mobile World Congress de Barcelona a súa aposta estratéxica polas tecnoloxías cuánticas

2026-03-03
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participa nunha mesa redonda organizada por Telefónica no marco do evento

Barcelona, 3 de marzo de 2026.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta mañá nunha mesa redonda sobre tecnoloxías cuánticas organizada por Telefónica no marco do Mobile World Congress, o maior evento mundial en conectividade. Nesta sesión, baixo o título Telefónica Quantum Telco: o teu partner de referencia para a cuántica aplicada e centrada na presentación da estratexia global de Telefónica en tecnoloxías cuánticas aplicadas, a representante da Xunta de Galicia afirmou que a aposta temperá e continuada da nosa Comunidade por estas tecnoloxías responde ao obxectivo de converter a Galicia nun nodo de referencia neste ámbito no sur de Europa.

De feito, no Plan galego de investigación e innovación 25-27, a cuántica aparece como unha tecnoloxía habilitadora, que vén sumarse a outras como a supercomputación, a intelixencia artificial ou a análise masiva de datos, para resolver problemas industriais complexos, atraer talento altamente cualificado e xerar novas oportunidades económicas. En palabras da representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, “a computación cuántica non será unha solución absoluta e, en moitos casos, obterá a súa máxima potencia combinada coa supercomputación ou a IA, e en Galicia contamos con todos eses elementos”.

En canto aos sectores que poderán beneficiarse desta tecnoloxía, Carmen Cotelo sinalou que está aberta “a todos os sectores produtivos” e que o acceso a estas infraestruturas dependerá do perfil de usuario: os grupos de investigación poden experimentar, formar persoal e desenvolver algoritmos, mentres que as empresas xogarán un papel moi relevante na identificación de problemas complexos e retos industriais nos que avaliar a aplicación da computación cuántica como chave para poder resolvelos.

Por último, a directora apuntou que Galicia non só quere aplicar estas tecnoloxías para resolver problemas científicos ou empresarias, senón contribuír ao seu desenvolvemento máis experimental enriquecendo o talento, o coñecemento e ampliando o tipo de empresas que poden participar no proceso. “En definitiva, que Galicia teña consolidado no prazo de cinco a dez anos unha posición destacada no marco europeo tanto polo seu papel no desenvolvemento destas tecnoloxías como na súa aplicación práctica e impacto relevante”, engadiu.

Aposta estratéxica polas tecnoloxías cuánticas

Galicia leva apostando por estas tecnoloxías disruptivas desde 2020. No 2021 presentouse o Polo galego de tecnoloxías cuánticas, como unha estrutura para articular o ecosistema galego vencellado a estas tecnoloxías e conectar universidade, centros tecnolóxicos e empresas e comezar a traballar en aplicacións reais. Posteriormente, no 2023, constituíse a Rede galega de tecnoloxías cuánticas, para establecer unha estrutura de gobernanza do Polo. Nese mesmo ano, Galicia instalou no Cesga o primeiro computador cuántico de España, o Qmio de 32 cúbits, que no 2024, se abriu aos usuarios. Finalmente, en decembro pasado formalizouse a adquisición a Telefónica dun segundo computador cuántico de 54 cúbits, financiado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia no marco do Perte Chip, que vén reforzar as infraestruturas cuánticas do Cesga.

Galicia no Mobile World Congress

A representante do Goberno galego tamén visitou as empresas galegas que contan con presenza na feira no stand de España: a empresa coruñesa Cinfo, especializada en intelixencia artificial, tecnoloxía de vídeo e TV a través de internet, e a empresa de telecomunicacións porriñesa Quobis. Ademais, as startups nacidas do programa Ignicia, Edge continuum, especializada en transformar infraestrutura privada en experiencia de nube, e Serenia Solutions, centrada en HealthTech basada en IA dedicada a transformar a atención ás persoas maiores, tamén contan con stand no 4YFN, o evento centrado en startups que se celebra simultaneamente ao MWC.