O CTAG e o Grupo Copo desenvolven produtos máis intelixentes e optimizan procesos de produción co apoio da Xunta

2026-02-18
  • A directora da Axencia Galega de Innovación participa na presentación de resultados da unidade mixta de ambas entidades, na que o Goberno galego inviste 761.000 €
  • O Goberno galego leva apoiadas un total de 54 unidades, que mobilizaron máis de 152 M€ e nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento galegos

Mos (Pontevedra), 18 de febreiro de 2026.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou hoxe a importancia das unidades mixtas de investigación para impulsar a cooperación entre organismos dedicados á I+D+i e o tecido empresarial da Comunidade co obxectivo de impulsar a transferencia á industria e a atracción de empresas. Fíxoo en Mos na xornada de presentación de resultados da Unidade Mixta de Investigación Tecnoloxías verdes e intelixentes para a sustentabilidade de produtos e procesos GRECO, unha alianza estratéxica entre o Centro Tecnolóxico do Grupo COPO (CETEC) e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG).

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP fixo balance deste instrumento que, desde 2014, ten apoiado 54 unidades mixtas que mobilizaron máis de 152 M€ coa participación de 39 empresas e 14 centros de coñecemento galegos.

No que atinxe a GRECO, a directora salientou a súa utilidade para aumentar a intensidade tecnolóxica dun sector estratéxico para Galicia como é a automoción. O Goberno galego investiu preto de 761.000 € desde 2022 nesta unidade mixta, que conta cun orzamento de preto de 2,7 millóns de euros para investigar e desenvolver tecnoloxías de smartización que permitan elevar a competitividade do Grupo COPO, dedicado á fabricación de escumas e tecidos para o sector da automoción, téxtil e fogar.

Principais avances acadados

A alianza estratéxica entre o CETEC e CTAG permitiu incorporar novas funcionalidades intelixentes a nivel de produto que respondan ás necesidades do mercado, así como a redefinición das operacións e metodoloxías de traballo para a optimización dos procesos. Entre os principais resultados acadados, destaca a revisión e mellora dos procedementos de deseño e o perfeccionamento das técnicas de fabricación de moldes para realización masiva de polímeros alveolares para diferentes compoñentes de automóbil. En paralelo, avanzouse no estudo e aplicación de sistemas de simulación optimizados, contribuíndo a unha maior eficiencia nos procesos industriais.

Tamén se lograron avances no desenvolvemento de solucións destinadas a mellorar o rendemento funcional do tecido electro-condutor de fabricación propia. Estas solucións permiten funcións interactivas como o quecemento e a monitorización de parámetros críticos do usuario —tamaño, peso, movementos, entre outros—, achegando valor engadido aos produtos. Finalmente, establecéronse as bases para o cálculo do impacto medioambiental das solucións desenvolvidas, promovendo así prácticas aliñadas coa sustentabilidade e a economía circular.