Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2026.- A Xunta de Galicia iniciará esta semana unha ampla campaña de promoción co obxectivo de visibilizar o talento dos profesionais dedicados á I+G+i, a ciencia e a innovación feitas en Galicia, así como a competitividade do ecosistema que a conforman. Trátase dunha prioridade na acción do Goberno autonómico nun sector que vén medrando nos últimos anos en relevancia desde o punto de vista orzamentario e en proxección e recoñecemento a nivel internacional como sinal de identidade da Galicia Calidade.
Trátase dunha campaña que se difundirá a través dos medios de comunicación en distintos soportes, así como en redes sociais e accións na rúa. Estará protagonizada por cinco profesionais que destacan polo traballo que levan a cabo en materia de I+D+i na nosa Comunidade. Proceden de diferentes sectores como a biotecnoloxía, o software científico, a farmacoloxía, as tecnoloxías da información e a comunicación, conectividade, intelixencia artificial e ciberseguridade, a electrónica ou a ciencia de polímeros.
Traballan en distintos tipos de entidades que conforman o gran equipo da I+G+i no eido universitario e nos centros de investigación da Rede CIGUS, nos centros tecnolóxicos, a investigación empresarial ou o desenvolvemento de spin-off de base científica.
Con esta campaña, realizada por segundo ano consecutivo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP volve amosar a súa aposta por un ámbito prioritario para o avance social e a competitividade económica da nosa Comunidade. Está aliñada co Plan galego de investigación e innovación 25-27, dotado con máis de 1.300 M€ e que prioriza precisamente a captación e retención de talento investigador e a transferencia de coñecemento ao mercado, especialmente en áreas estratéxicas como a biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas (cuánticas e intelixencia artificial) e as enerxías limpas.
Perfil dos participantes
En concreto, un dos protagonistas é o investigador Oportunius Jaime Martín, que desenvolve a súa actividade científica no CITENI (Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais) da Universidade da Coruña, no Campus de Ferrol. Trátase dun científico que a Xunta foi capaz de captar doutra comunidade. En concreto, en 2022 logrou unha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC), as máis prestixiosas da I+D+i no continente, para sacar adiante o proxecto Paracryst. Para atraelo a Galicia, accedeu ao programa Oportunius da Consellería de Ciencia. A súa investigación céntrase na estrutura dos polímeros semicondutores, o que posibilitará avances no campo da electrónica orgánica para desenvolver células solares máis estales e eficientes.
No caso da recoñecida catedrática de Farmacoloxía da Universidade de Santiago Mabel Loza, falamos dunha científica cunha longa traxectoria e que está ao fronte do grupo de investigación BioFarma, ademais de ser a creadora da plataforma de cribado de fármacos InnoPharma. Ademais, dirixe o CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) da USC, un centro que forma parte da Rede CIGUS, conformada polos centros de investigación universitarios máis excelentes de Galicia, e que recoñecido no último ano co prestixioso selo María de Maeztu.
Luis Pérez é o director executivo do centro tecnolóxico Gradiant, con sede en Vigo, e especializado nas tecnoloxías da información e a comunicación, a conectividade, a intelixencia artificial e a seguridade. Esta tipoloxía de centros xogan un papel clave na I+G+i polo seu carácter transversal e diverso, en constante contacto co sector produtivo. Doutor en Telecomunicación pola Universidade de Vigo, centrou as súas investigacións nas marcas de auga, a seguridade e o procesamento multimedia. De feito, incorporouse a Gradiant no ano 2009 para impulsar a creación e consolidación dunha nova área.
Pola súa banda, a directora executiva e cofundadora de Diversa Technologies, María de la Fuente, representa a capacidade da I+G+i de transferir coñecemento á sociedade. Conta con máis de 20 anos de experiencia e a súa área e especialización é a aplicación da nanotecnoloxía no ámbito biomédico para achegar solucións a necesidades clínicas non cubertas e avanzar cara ao concepto de medicina personalizada. Esta científica galega está ao fronte de Diversa, spin-off biotecnolóxica do IDIS (Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago de Compostela) e do Servizo Galego de Saúde (Sergas) que xurdiu no 2021 a través do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta de Galicia.
Finalmente, Pablo Álvarez é a cara visible da investigación empresarial. Ao fronte, como director, do Centro de Investigación Empresarial Mestrelab, de recente creación e que contou co apoio da Xunta. Esta entidade está centrada no sector de software científico. Con 25 anos de experiencia, Pablo Álvarez tamén é presidente do hub de innovación dixital europeo EDIH DATAlife, fundador e Xeral Partner do fondo Bio&Tech Capital e desenvolveu a Fundación T.END co obxectivo de erradicar a tuberculose no mundo.