A Xunta destaca os premios de investigación RAGC-Barrié como exemplo do talento da I+G+i

2026-01-28
  • O conselleiro Román Rodríguez participa na entrega dos recoñecementos organizados pola Real Academia Galega de Ciencias e a Fundación Barrié

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, gabou hoxe o traballo dos investigadores galardoados cos Premios de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e da Fundación Barrié no acto de apertura do curso académico 2026. Estes recoñecementos distinguen a investigación de excelencia que se desenvolve en Galicia nas áreas de Ciencias Básicas, Ciencias Técnicas e Ciencias Sociais.

O representante da Xunta puxo en valor o papel da I+G+i “para mellorar a calidade de vida das persoas e para dar resposta a retos complexos da sociedade actual”, ao tempo que destacou o labor das persoas premiadas pola súa contribución científica e pola transferencia do coñecemento á cidadanía como exemplo de talento neste eido.

Neste sentido, Román Rodríguez salientou a importancia destes premios como instrumento para impulsar o talento investigador novo e consolidar traxectorias científicas de alto nivel en Galicia, en liña coa aposta da Xunta por reforzar un sistema sólido, competitivo e conectado coa realidade social e produtiva.

Ademais, o representante do Goberno galego garantiu o compromiso da Xunta co fortalecemento da I+G+i. Proba diso é a recente convocatoria de axudas para apoiar o desenvolvemento do traballo dos grupos de investigación, dotada con 29 millóns de euros para financiar a súa actividade ata 2030. Esta liña de apoio, aberta ata o vindeiro 19 de febreiro, permitirá consolidar as unidades de investigación máis competitivas e avanzar na proxección de Galicia como referente científico.

Investigadores premiados

Na categoría de Ciencias Básicas, o premio recaeu en María Dolores Mayuán, doutora en Bioloxía pola Universidade Complutense de Madrid e investigadora no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo. O seu traballo céntrase no estudo dos mecanismos implicados na progresión do cancro e doutras enfermidades asociadas ao envellecemento, como a artrose. Os accésits nesta categoría foron para Manuel Souto Salom, investigador Oporunius no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, polo seu traballo no desenvolvemento de electrodos orgánicos para baterías máis sostibles, e para Hamza Al-Shdaifat e Susana Rodríguez, da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, polas súas achegas neste ámbito.

Na categoría de Ciencias Técnicas, a premiada foi Cristina Gallego Rodríguez, investigadora do Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da Universidade de Santiago de Compostela. O seu traballo aborda os desafíos ambientais e tecnolóxicos da industria pesqueira, contribuíndo ao desenvolvemento de solucións máis sostibles para un sector estratéxico da economía galega. O accésit foi concedido a un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña, liderado por Javier Pernas Álvarez, polos seus avances no ámbito da enxeñaría naval e industrial.

Finalmente, en Ciencias Sociais, o recoñecemento foi para Iria González Romero, investigadora da Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo, polo seu traballo sobre a xestión sostible da denominada última milla no comercio electrónico, un ámbito clave para reducir o impacto ambiental e mellorar a eficiencia loxística. O accésit nesta categoría recaeu en María Garrido Ruso, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, polo seu estudo sobre o impacto das prácticas sociais e de gobernanza no rendemento das pemes.