Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, firmaron hoxe un convenio de colaboración entre o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías), cun investimento de 2,2 M€, para crear un laboratorio compartido especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear. “Un fito importante que fai posible que a nosa I+G+i se dote desta infraestrutura grazas ao traballo de dous centros de referencia nos seus respectivos campos”, sinalou Román Rodríguez.
Neste laboratorio, con sede en Santiago e baixo o nome de IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab, traballarase no desenvolvemento dun procesador cuántico, co que Galicia entrará de cheo na carreira do deseño deste tipo de equipamentos. Para iso, o convenio posibilita a dotación de persoal investigador, equipamento e infraestruturas técnicas.
O IGFAE contribuirá coa súa experiencia en diversos campos e o CESGA aportará as súas capacidades en infraestruturas computacionais avanzadas e soporte tecnolóxico especializado. Concretamente, os recursos que aporta o CESGA están cofinanciados a través do PERTE Chip e de fondos propios da Consellería de Ciencia, mentres que a USC comprométese a asumir a consolidación e sustentabilidade operativa destes laboratorios.
Neste sentido, o representante do Goberno galego puxo en valor esta colaboración, pois “supón unha aposta decidida pola investigación de fronteira, aquela que explora os límites do coñecemento actual, e polas tecnoloxías cuánticas como motor de desenvolvemento económico”. O conselleiro fixo fincapé en que estamos “ante liñas punteiras de investigación que nos próximos anos serán fundamentais para dar respostas innovadoras aos retos presentes”, ademais de consolidar o CESGA como “infraestrutura científica de referencia e contribuír a proxección internacional da I+G+i e de Galicia como polo de tecnoloxías cuánticas e un territorio de ciencia e innovación”, engadiu. Precisamente, este é un dos eidos sinalados como prioritarios no Plan galego de investigación e innovación.
Aplicacións e liñas de investigación
O titular de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, coñeceu as instalacións do futuro laboratorio, que xa se está adecuando para a súa posta en marcha e que contará con 60 m² e terá de apoio espazos do IGFAE como a sala branca, laboratorios de microelectrónica, detectores gasosos ou escintiladores e salas de micromecanizado, metroloxía ou irradiación. Este laboratorio será, neste momento, o único en España destas características no ámbito da física nuclear e de partículas. Na visita tamén participaron o director científico do CESGA, Lois Orosa, e o director do IGFAE, Carlos A. Salgado.
O Quantum Computing Lab aplicarase á física de partículas, a física nuclear e á física fundamental, incluíndo liñas de investigación sobre simulación cuántica analóxica, plataformas experimentais (átomos fríos, ións atrapados, cúbits superconductores) e metodoloxías de detección e mitigación de erros, con especial atención á resiliencia fronte a perturbacións externas e radiación ambiental. Isto permitirá estudar e descubrir novas solucións a problemas moi relevantes neste eido.
Este laboratorio traballará cara o desenvolvemento dun procesador cuántico especialmente deseñado para estudar e facer novos descubrimentos en física de partículas e física nuclear. Por exemplo, poderíase afondar na estrutura do núcleo atómico e realizar simulacións. Un computador destas características neste laboratorio tamén permitiría introducir elementos para simular chorros de partículas e estudar as propiedades dun novo material chamado plasma de guarks e gluons que se produce no CERN.
Convenio coa UVigo
Nesta liña de traballo, o CESGA tamén asinará mañá un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo para a creación dun laboratorio mixto que se localizará no VQCC (Vigo Quantum Communication Center), dependente do AtlanTTic (Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) da UVigo. Este laboratorio, baixo o nome de Quantum Optical Computing Lab, dedicarase á investigación en computación cuántica óptica e conta cun investimento de 2,4 M€