Galicia acada 476 M€ en proxectos de compra pública de innovación, situándose pioneira e líder en España

2025-11-22
  • A Xunta participa no VII Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta en Granada, un encontro que reúne a preto de 700 expertos
  • Os representantes do Goberno galego, que conta cun expositor na feira, participan nos coloquios para dar a coñecer a experiencia de Galicia nesta materia

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025.- A Xunta de Galicia participou esta semana no VII Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación (CPI) e Innovación Aberta en Granada. A delegación galega contou cun espazo propio na zona de feira, onde se expuxo a traxectoria de Galicia neste procedemento, unha ferramenta de contratación que permite desenvolver e acelerar solucións baseadas en I+D+i que non están dispoñibles no mercado ou que necesitan ser adaptadas, co obxectivo de mellorar os servizos públicos e impulsar a innovación empresarial. Así mesmo, distintos departamentos da Xunta de Galicia participaron no programa do foro con relatorios para presentar distintos proxectos de CPI que están executando neste momento.

A Xunta é pioneira e líder en Compra Pública de Innovación en España. No período 2007-2020 executou 252 millóns de euros en proxectos de CPI e, no período 2021-2027, está executando outros 224 millóns de euros, o que fai un total de 476 M€ neste tipo de proxectos innovadores. Ademais, o Goberno autonómico recibiu oito premios neste eido.

Presentación de proxectos galegos

Representantes da Xunta participaron na primeira sesión do foro na mesa redonda sobre casos de aprendizaxes de Estratexias de CPI nacionais e rexionais implementadas en España e latinoamérica. En concreto, representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP expuxeron o caso galego como exemplo de CPI proactiva incentivada a nivel rexional. Noutra quenda, a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, e representantes de Augas de Galicia, así como da Consellería de Educación, falaron sobre os proxectos Sicle CO2, Edugalia e AguaTech.

Por último, representantes da Consellería de Educación, a través da Axencia Galega de Innovación, tamén participaron nunha sesión sobre avaliación de impacto e CPI, para poñer sobre a mesa a metodoloxía de avaliación dos proxectos do Executivo galego apoiados a través de liña de Fomento da Innovación desde a Demanda.

Este foro foi impulsado pola Xunta de Galicia e, nesta sétima edición, está organizado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e a Innovación (CDTI) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Este evento de referencia reúne en Andalucía a preto de 700 expertos e axentes de España e de varios países iberoamericanos para debater, traballar e explorar o potencial transformador da Compra Pública Innovadora e da innovación aberta como panca para impulsar a I+D desde o ámbito público e despregar solucións baseadas en coñecementos que melloren a calidade de vida dos cidadáns en áreas como a saúde.