Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que avances como o novo datacenter do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) ou a recente adxudicación da fábrica de IA —das que só haberá 19 en toda Europa- sitúan a Galicia na “vangarda europea” destes sectores.
“O que hai moito tempo parecía imposible, que este recuncho en España e Europa estivera liderando algo con tanto futuro e tan complexo como a tecnoloxía cuántica, hoxe é unha realidade”, apuntou durante a súa visita ás obras do novo edificio do CESGA.
Ditas instalacións albergarán, entre outro equipamento, o superordenador Finisterrae IV —que multiplica a capacidade do Finisterrae III-, un novo sistema de almacenamento e un novo computador cuántico. En total, o investimento do centro ascenderá a 56 millóns de euros —entre construción e equipamento-, cofinanciados con fondos europeos.
“Este edificio faise non só porque o CESGA adquiriu unha traxectoria que merece este salto, senón porque o que ten que vir a partir de agora, ese novo computador e a fábrica de IA, aínda nos teñen que dar moitísimas alegrías”, asegurou.
O presidente da Xunta explicou que, co obxectivo de axilizar ao máximo a construción desta instalación, o Goberno galego aprobou en outubro a súa declaración como proxecto estratéxico de investigación pública, unha nova figura administrativa que se estrea con esta iniciativa e que permite simplificar trámites e reducir tempos.
Durante o acto, Alfonso Rueda tamén aproveitou para deixar unha mensaxe en vídeo na cápsula do tempo virtual do CESGA, almacenada no tipo de dispositivos que o centro utiliza para datos importantes que necesitan ser conservados durante moito tempo.
I+G+i
O titular do Executivo autonómico destacou o bo momento da I+G+i, a I+D+i galega, que atribuíu ao esforzo conxunto de toda a sociedade a través do traballo conxunto de universidades, empresas e administracións.
Neste sentido, lembrou que nos últimos anos a Xunta vén facendo unha importante aposta por este ámbito a través de distintas medidas como o Plan de investigación e innovación, dotado con 1.300 millóns de euros, ou co inicio da tramitación da que será a futura Lei de ciencia e innovación de Galicia, que virá a adaptar a normativa vixente aos retos actuais e seguirá potenciando á nosa comunidade como un territorio de referencia nestes ámbitos.
“Esa lei vai apuntalar tamén, dende o punto de vista autonómico, todo o que temos que facer”, asegurou, ao tempo que destacou “o labor da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que é fundamental, así como o das empresas que nos están acompañando e confían no CESGA”.