Román Rodríguez anima á sociedade a realizar as súas achegas á futura Lei de ciencia e innovación de Galicia

2025-11-07
  • O conselleiro de Ciencia reúnese coa Comisión Interdepartamental de I+D+i e informa de que este luns abrirá a consulta pública previa ata o 28 de novembro
  • Este marco normativo, que estará vixente no ano 2027, deséñase para acompañar o gran crecemento da I+G+i e para desenvolver proxectos estratéxicos

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presidiu hoxe a Comisión Interdepartamental de I+D+i para abordar a futura Lei de ciencia e innovación de Galicia. Este marco normativo, no que a Xunta xa está traballando de cheo, nace para acompañar o gran momento que vive a I+G+i na Comunidade, cun importante crecemento e o desenvolvemento de proxectos estratéxicos que sitúan a Galicia como unha rexión referente.

Acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o titular de Ciencia fixo fincapé en que a investigación e a innovación “precisan unha lei que dea resposta aos novos retos e que convertan Galicia nun territorio de coñecemento e talento”. A norma suporá un “salto cualitativo e cuantitativo ao actualizar, integrar e fortalecer o modelo actual do ano 2013, que facilitou o crecemento da I+D+i galega”, engadiu. Con ese fin, o Consello da Xunta autorizou o pasado luns o inicio da tramitación do anteproxecto de lei.

A nova lei, que se prevé que entre en vigor no ano 2027, iniciará este luns, día 10 de novembro, e ata o 28 de novembro, o prazo de consulta pública previa para poder recibir achegas da sociedade civil. Román Rodríguez convidou a todas as persoas interesadas a que acheguen propostas e suxestións neste proceso participativo e aberto para a redacción da lei. Este procedemento completarase con mecanismos formais de coordinación institucional entre os que destaca unha comisión de redacción integrada por diferentes departamentos do Goberno autonómico implicados, a propia Comisión de I+D+i reunida hoxe e o Consello Asesor de investigación e innovación de Galicia.

Novidades da nova lei

Entre as novidades deste futuro marco lexislativo atópanse a regulación de ámbitos como a atracción e retención de talento, a transferencia efectiva de resultados para achegar a ciencia á industria, a innovación empresarial ou a redución da burocracia. A Xunta busca tamén estimular a iniciativa privada e o investimento en ciencia, así como conectar a cidadanía ca I+D+i. Para iso será relevante o reforzo da innovación territorial a través dos plans locais que levarán a ciencia e a innovación a todo o territorio galego.

Outros asuntos da reunión

A Comisión Interdepartamental de I+D+i, que se reúne cada tres semanas para coordinar a acción da Xunta nesta materia e facer un seguimento do traballo nas diferentes áreas da ciencia e da innovación, conta coa participación de representantes de todas as consellerías do Goberno galego, así como da propia Presidencia.

Máis aló de abordar a futura Lei de ciencia e innovación, na reunión tamén se puxo en valor o Mapa de apoios á I+D+i da Xunta para o ano 2026, unha ferramenta que permite unha planificación anual para que os axentes do sector poidan preparar os seus proxectos e solicitudes para acceder ás axudas autonómicas. En concreto, o Goberno autonómico incrementará o vindeiro ano un 9% os fondos dedicados a I+D+i.