Galicia sitúase como referente a nivel nacional e internacional en tecnoloxías cuánticas

2025-11-05
  • A directora da Axencia Galega de Innovación participa na presentación dos resultados científico-técnicos do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas
  • Entre os logros acadados destaca a liña de comunicacións cuántica entre Santiago e Vigo, a creación de laboratorios experimentais e a contratación de 25 investigadores

Vigo, 5 de novembro de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou hoxe na xornada de presentación dos resultados científico-técnico do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas en Galicia na Universidade de Vigo. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o posicionamento da Comunidade como referente nacional e internacional en investigación e innovación en tecnoloxías cuánticas, “un posicionamento ao que ten contribuído a participación galega neste instrumento de colaboración entre comunidades autónomas para facer avanzar a I+D+i en áreas de interese estratéxico comúns”.

Nesta liña, a directora subliñou a achega das tres universidades galegas e o Centro de Supercomputación de Galicia ao desenvolvemento das tecnoloxías cuánticas e ao reforzo da ciberseguridade en España, con fitos tan importantes como a despregadura do enlace de comunicación cuántica terrestre máis longo de España —e un dos máis longos de Europa, superando os 120 kilómetros de distancia-, entre Vigo e Santiago. Unha liña que se inaugurou hai un mes e que permitirá establecer comunicacións ultra seguras e que xa está previsto estender a outros puntos da rede galega de investigación e á infraestrutura europea.

Ademais da posta en funcionamento desta liña, o apoio de 9,6M€ procedentes de fondos europeos e de fondos propios da Xunta de Galicia, permitiu tamén crear e dotar tres laboratorios experimentais en tecnoloxías de comunicacións cuánticas, así como unha estación óptica terrena para comunicacións cuánticas vía satélite que permitirá conectar coas principais misións europeas e internacionais de satélites cuánticos. Tamén a participación neste programa posibilitou a contratación de 25 investigadores altamente cualificados, a publicación de 60 artigos en revistas científicas e a captación de 10M€ de financiamento adicional.

As tecnoloxías cuánticas son un ámbito estratéxico para Galicia. Así se define no Plan galego de investigación e innovación 25-27 polo seu potencial transformador sobre a nosa economía e no avance da I+D+i. Por iso, dende a Xunta de Galicia lévase apostando por elas dentro da iniciativa do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia desde o 2021 co obxectivo de situar a Comunidade como referente nesta materia no horizonte do 2030.