Galicia participa en Biospain 2025 en Barcelona para amosar o potencial innovador do sector biotecnolóxico e explorar oportunidades de negocio

2025-10-07
  • A delegación galega, liderada pola Xunta, conta cun espazo propio na feira, onde se presentarán proxectos estratéxicos, capacidades e oportunidades de colaboración
  • A Comunidade é a segunda rexión máis bioemprendedora e a terceira que experimenta un maior incremento no gasto en I+D ata acadar os 147M€

Barcelona, 7 de outubro de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participoou hoxe na inauguración da décimo segunda edición de BioSpain, unha das principais citas do sector biotecnolóxico europeo, que se celebra do 7 ao 9 de outubro en Barcelona. A este encontro acude unha delegación galega, liderada pola Xunta de Galicia, co obxectivo de establecer alianzas estratéxicas, amosar o potencial innovador do sector e xerar novas oportunidades de colaboración e investimento.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o carácter estratéxico para Galicia do sector biotecnolóxico, tal e como establece o Plan galego de investigación e innovación 2025-27. Ademais, avanzou novas medidas de apoio aos axentes nos ámbitos da I+D empresarial, a transferencia, o fomento do emprendemento biotecnolóxico e o fortalecemento da colaboración público-privada.

A directora da Axencia tamén puxo en valor as capacidades do ecosistema biotecnolóxico galego nun evento enmarcado nesta cita que organizou Galicia este luns: o Galicia Bio Event. Un centenar de asistentes acudiron a esta cita con representantes da cadea de valor da I+D+i biotecnolóxica. Entre elas, entidades como Catalonia Health ou Bühler Group, empresas como Klinea, entidades como SDDN e o Hospital de Sant Pau, así como o conxunto de asistentes desprazados desde a comunidade galega.

A asistencia de Galicia a esta cita enmárcase na Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico galego 2021-2025, que aspira a posicionar á Comunidade como referente internacional e potenciar a colaboración entre empresas, universidades e centros de investigación. Galicia leva mobilizados máis de 370 millóns no período 21-23 no marco desta estratexia. Ademais, sitúase como a segunda rexión máis bioemprendedora no período 21-23 e a terceira comunidade que experimentou un maior incremento no gasto en I+D, o que supuxo un investimento de máis de 147M€ en 2023.

‘O mellor camiño en biotecnoloxía’

Baixo a marca Galicia: o mellor camiño en biotecnoloxía, a delegación galega está amosando na feira o potencial científico e empresarial da Comunidade. Ademais da Axencia Galega de Innovación, a delegación conta coa participación da Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS), XesGalicia e as fundacións públicas dos Institutos de Investigación sanitaria IDIS, IISGS e INIBIC, as agrupacións industriais Bioga, Clúster Saúde de Galicia e VIRATEC, e as tres universidades públicas galegas: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña. En total, a comitiva aglutina a máis de 160 empresas a través destas agrupacións industriais, tres universidades e tres fundacións sanitarias, unha mostra da diversidade e da solidez do ecosistema galego biotech.

Galicia conta cun espazo propio no pavillón institucional, onde se presentarán proxectos estratéxicos, capacidades científicas e oportunidades de colaboración. Este espazo servirá para fomentar a transferencia de coñecemento, establecer contactos internacionais e atraer investimento ao sector galego.

Un millar de entidades innovadoras

BioSpain 2025, organizado pola Asociación Española de Bioempresas (Asebio), en colaboración con Biocat, a Generalitat de Catalunya e o Concello de Barcelona, reúne ata o xoves a preto de 1.000 entidades innovadoras, máis de 2.200 profesionais de 34 países, uns 260 expositores e máis de 80 investidores, segundo a organización. O seu obxectivo é impulsar a innovación, o investimento, a colaboración e as novas oportunidades de negocio en biotecnoloxía.