Román Rodríguez subliña as novas accións para atraer, retornar e reter investigadores con Oportunius

2025-09-29
  • A Xunta reforza os servizos de apoio para incrementar a visibilidade internacional desta iniciativa e acoller a novos perfís de interese para a I+D+i galega
  • O conselleiro inaugura o encontro Da investigación excelente ao ERC e destaca un investimento de 17,5 M€ para 38 investigadores e 47 proxectos deste programa

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, inaugurou este luns o encontro Da investigación excelente ao ERC no marco do programa Oportunius para atraer, retornar e reter talento investigador de primeiro nivel á nosa Comunidade. Nesta cita, que ademais de dar a coñecer os avances científicos dos proxectos de investigación financiados polas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC) en Galicia, o titular de Ciencia explicou as novas accións que se está impulsando a Xunta a través desta iniciativa.

Entre as novas liñas postas en marcha este ano está o servizo de apoio para preparar entrevistas de avaliación dirixido a investigadores que optan a estas prestixiosas bolsas. Tamén dar soporte, en colaboración coas universidades, a aspirantes a axudas do programa posdoutoral Marie Sklodowska-Curie, así como ás axudas Proof of Concept para incentivar a transferencia do coñecemento xurdido a partir de proxectos ERC. “Estas liñas de traballo son prioritarias para atraer novo talento investigador”, afirmou Román Rodríguez acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.

Nesta liña, o representante do Goberno autonómico sinalou que o programa Oportunius “é unha iniciativa plenamente consolidada, que se atopa nunha fase de evolución estratéxica”. Con estas novas accións, “desde a Xunta queremos incrementar a visibilidade internacional do programa e, por extensión, da I+D+i galega, e dar acollida a novos perfís de interese para o sistema científico de Galicia”, engadiu Román Rodríguez.

Un retorno de case 100 M€

Ademais, o conselleiro puxo en valor o programa Oportunius, que leva “máis de dez anos ofrecendo oportunidades para desenvolver unha carreira científica de excelencia en Galicia”. A través dun investimento de 17,5 M€, lográronse ata agora uns resultados que supoñen un impulso moi relevante da ciencia de primeiro nivel feita na Comunidade e un retorno económico global de case 97 M€.

En total, 38 gañadores de bolsas do ERC están a recibir apoio económico complementario de Oportunius para desenvolver 47 proxectos en universidades e centros de investigación galegos. Deles, 20 están directamente contratados como investigadores distinguidos pola Axencia Galega de Innovación ao amparo do programa.

Ademais, 31 persoas que lograron quedar finalistas nas convocatorias do ERC recibiron apoio económico e asesoramento para mellorar os seus proxectos e maximizar así as súas opcións de éxito das súas candidaturas. Por último, o programa Oportunius proporcionou ata agora servizos de orientación a 331 candidaturas e celebrou 28 talleres de formación para candidatos nos que participaron case 700 persoas.

Unha cita con 90 investigadores

No encontro de hoxe en Santiago participaron 90 axentes do sistema de I+D+i. En concreto, investigadores gañadores e finalistas das axudas do ERC, contratados ou apoiados por Oportunius, así como persoal das universidades e centros públicos de investigación beneficiarios de programas de excelencia nacionais e internacionais como as Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), Ramón y Cajal, Atrae ou Beatriz Galindo.

Ademais da presentación de proxectos que están activos actualmente en Galicia, realizáronse dúas sesións: a presentación das axudas do ERC e dos servizos da Xunta de apoio ao persoal investigador, así como un laboratorio de ideas de mellora do programa Oportunius para compartir experiencias e seguir mellorando esta iniciativa.