Galicia destaca en Bilbao a importancia de desenvolver un sistema sólido en cuántica como clave para competir

2025-09-24
  • A directora da Axencia Galega de Innovación modera a mesa redonda Investigación e innovación ao servizo das industrias no Metafuturo Bizkaia Quantum
  • A Comunidade galega acollerá a próxima semana un foro sobre ecosistemas de I+D+i en cuántica que reunirá expertos e entidades a nivel nacional e internacional

Bilbao, 24 de setembro de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou hoxe en Bilbao a importancia de “desenvolver un sistema sólido e sostible en cuántica como clave para que Europa e España compitan con países como Estados Unidos e China, en liña coas directrices de Europa”. Fíxoo na súa participación no Metafuturo Bizkaia Quantum, evento no que moderou a mesa redonda Investigación e Innovación ao servizo das industrias. Este encontro, que se prolongará ata mañá, versa este ano sobre tecnoloxía cuántica e o seu impacto na innovación e acolle na cidade vasca mesas redondas, conferencias e diálogos con expertos.

Neste sentido, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP interpelou aos representantes dos centros tecnolóxicos que participaban na mesa sobre posibles modelos de colaboración público-privados para favorecer estes ecosistemas sólidos. Así mesmo, profundizaron sobre os mellores métodos para chegar á industria e involucrala dende o comezo.

“Galicia leva apostando polas tecnoloxías cuánticas dende 2021 —indicou Carmen Cotelo- coa posta en marcha do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia e a creación en 2023 a Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas liderada pola Xunta de Galicia e que integra universidades, centros de investigación, empresas e administración pública”. O obxectivo desta rede é facilitar o desenvolvemento dun ecosistema completo ao redor destas tecnoloxías, mellorar o posicionamento e a visibilización das capacidades de Galicia e impulsar a adopción destas tecnoloxías polo tecido empresarial.

Ademais, Galicia, lidera o proxecto Quorum a través do centro tecnolóxico Gradiant e coa participación dos socios galegos Cesga, Fujitsu e Xunta, Ecosistema de innovación en tecnoloxías cuánticas, financiado por CDTI no que participan varias universidades, centros tecnolóxicos —entre eles o Centro Tecnológico Industrial de Castela-A Mancha, presente na mesa- e empresas españolas co obxectivo de promover o desenvolvemento das novas tecnoloxías cuánticas. Ademais, Galicia patrocina o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuántica, promovido pola Unesco, co obxectivo de contribuír á divulgación desta tecnoloxía e a súa repercusión na vida diaria das persoas.

Foro sobre ecosistemas cuánticos en Galicia

Precisamente, no marco do proxecto Quorum, o 30 de setembro celebrarase en Santiago de Compostela un novo foro sobre os ecosistemas de I+D+i en cuántica. Este evento, que leva por título Construíndo ecosistemas de impacto en cuántica, reunirá en Galicia a expertos e entidades relacionadas con este eido a nivel nacional e internacional.

O encontro está dirixido a toda persoa ou entidade vencellada ás tecnoloxías cuánticas. Nel presentarase unha actualización do mapa de capacidades de tecnoloxías cuánticas en Galicia, que se fixo público en decembro do ano pasado e que constitúe unha guía dos recursos humanos e dos equipamentos da nosa Comunidade neste ámbito.

Contarase tamén coa participación de persoas expertas neste eido como o xefe de sector de computación cuántica na Comisión Europea, Óscar Díez, que presentará a nova Estratexia Cuántica Europea; o director de Innovación de Lantik S.A (Sociedade de Tecnoloxía e Innovación da Deputación Foral de Bizkaia), Valentín García, que fará fincapé na importancia da innovación na cuántica, ou o director científico do Cesga, Lois Orosa, que falará da oportunidade que supón a cuántica para a nosa comunidade.

Completarán este evento varias mesas redondas compostas por empresas, centros tecnolóxicos e universidade do ámbito estatal, que se centrarán nas oportunidades que supón a cuántica para as empresas, a importancia da colaboración e do talento. Pódese consultar o programa e inscribirse na páxina web da Axencia Galega de Innovación.