A Xunta convoca a VII edición do Premio Empregados Públicos Innovadores para fomentar a innovación dentro da administración

2025-09-20
  • Con este galardón búscase crear unha Administración pública máis eficiente e moderna capaz de satisfacer as necesidades da cidadanía
  • Poden presentarse candidaturas ata o 17 de outubro e conta con tres categorías dotadas con 2.000 euros para solicitudes individuais e 3.000 euros para as grupais

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2025.- A Xunta de Galicia vén de convocar a sétima edición do Premio Empregados Públicos Innovadores. Este galardón busca recoñecer o compromiso e a actitude innovadora do persoal ao servizo da Administración pública galega para facela máis eficiente, moderna e innovadora e satisfacer así as necesidades da cidadanía. Os interesados deberán presentar as súas candidaturas ata o 17 de outubro a través da sede electrónica.

O certame conta con tres categorías: identificación de oportunidades, destinada a discernir retos de innovación dentro da Administración a partir dunha problemática nun servizo prestado á cidadanía; proxecto coa temática máis innovadora, dirixida a aqueles proxectos innovadores xa realizados ou en curso, e simplificación administrativa, para responder á demanda da cidadanía de racionalización administrativa e a simplificación dos procedementos administrativos mediante a axilización de trámites.

A esta convocatoria, impulsada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, pode presentarse todo o persoal funcionario e laboral ao servizo da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios autonómicos). Os galardóns están dotados con 2.000 euros para quen gañe individualmente e 3.000 euros para quen gañe cunha candidatura grupal de ata tres persoas.

Premiados en edicións anteriores

Nas seis edicións anteriores, presentáronse un total de 176 proxectos. Na pasada edición, con 33 proxectos, resultaron gañadores tres. Na categoría de identificación de oportunidades, resultou gañadora unha iniciativa que propón desenvolver un sistema de comunicación de alertas para a comunidade deportiva galega e establecer un protocolo de toma de decisións segundo o fenómeno meteorolóxico adverso e o nivel de alerta procedente da Secretaría Xeral para o Deporte.

Na categoría de temática máis innovadora, recoñeceuse un proxecto conxunto do Instituto de Medicina Legal de Galicia e Amtega, o robot INE, unha plataforma que usa a intelixencia artificial e a automatización robótica de procesos para realizar o rexistro das causas de morte sometidas a investigación xudicial no INE obtidas directamente do sistema operativo do IMELGA.

Por último, na categoría de simplificación administrativa foi seleccionada unha proposta do Laboratorio de Consumo de Galicia para implantar nas aplicacións dixitais e nas plataformas online da administración pública galega un sistema intelixente de interpretación e transcrición da fala galega.