A Xunta amplía o prazo de solicitudes para a convocatoria de unidades mixtas de investigación ata o 6 de outubro

2025-09-17
  • A directora da Axencia Galega de Innovación anuncia esta ampliación durante a presentación dos resultados do Centro Mixto de Investigación de Cetaqua e Viaqua
  • Esta convocatoria, dotada con 12 millóns de euros, busca apoiar alianzas estratéxicas entre centros de coñecemento e empresas

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2025.- A Xunta de Galicia amplía ata o 6 de outubro o prazo de solicitudes para a convocatoria de Unidades Mixtas de Investigación dado o elevado interese xerado e a coincidencia na data de peche con varias liñas de axuda. Así o anunciou a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, hoxe durante a presentación de resultados do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular do centro tecnolóxico Cetaqua e a empresa Viaqua.

A convocatoria de Unidades mixtas de investigación, cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, destinará 12M€ a apoiar alianzas entre centros de coñecemento galegos e empresas, en tres fases: creación de novas unidades mixtas, consolidación das creadas en 2020 e 2022 e creación e consolidación de centros mixtos de investigación. A través desta liña de axudas a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP mobilizará 30 M€.

Precisamente, Carmen Cotelo informou sobre esta convocatoria no acto do Centro Mixto de Investigación CIGAT Circular, apoiado pola Xunta desde 2015 con 2,7M€ e que xa pasou polas tres fases de madurez das unidades mixtas de investigación (creación, consolidación e centro mixto). A alianza entre o centro de apoio á innovación Cetaqua e a empresa Viaqua leva traballando unha década na abordaxe integral do ciclo da auga co foco posto na sustentabilidade e na economía circular. Este traballo materializouse en resultados como o primeiro punto de recarga de auga rexenerada en Galicia ou a aceleración de produtos innovadores como os biofertilizantes.

A representante da Consellería de Ciencia destacou “a contribución desta agrupación á obtención de produtos de alto valor engadido a partir de residuos”, contribuíndo así á economía circular, en liña coa prioridade europea da sustentabilidade. Ademais, puxo de relevo a transferencia dos resultados da investigación ao mercado, co desenvolvemento e industrialización de seis tecnoloxías innovadoras que deron lugar ao rexistro de tres patentes, a creación dunha decena de postos de traballo altamente cualificados e a obtención de sete proxectos europeos, cun retorno de 3,5M€.

Programa Activa I+G+i

Desde a posta en marcha desta iniciativa no ano 2014, o programa apoiou un total de 54 Unidades mixtas (39 novas, 12 de consolidación e tres centros mixtos de investigación) nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento galegos. A través deste programa deuse emprego a preto de 830 profesionais e mobilizáronse máis de 152M€.

Esta liña de axudas enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina case 53 M€ a través de catro grandes convocatorias: Nexos (28 M€), Unidades Mixtas de Investigación (12 M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 M€) e Recuperación da excelencia Neotec (3 M€). Con este investimento, agárdase unha mobilización de máis de 100M€.