Rueda resalta que a Xunta apoia a candidatura de cinco investigadores ás bolsas máis prestixiosas neste eido en Europa

2025-09-08
  • Salienta que se destinan 250.000 € a que finalistas das axudas do Consello Europeo de Investigación “reforcen” e continúen “cos seus proxectos”
  • “O obxectivo é apoiar aos investigadores que desenvolven o seu traballo en Galicia e reter ese talento”, indica
  • O Goberno galego concederá achegas a catro investigadores da Universidade de Santiago e un da Universidade da Coruña

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello aprobou un novo convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as universidades de Santiago de Compostela (USC) e da Coruña (UDC), polo que se conceden axudas económicas para “apoiar a cinco científicos que quedaron finalistas nas achegas do Consello Europeo de Investigación (ERC), as máis prestixiosas do continente”. Deste xeito, apoiaranse proxectos de investigación que non obtiveron financiamento para así incrementar as súas posibilidades de éxito en futuras convocatorias.

En concreto, o Goberno galego achegará 250.000 euros para que estes cinco investigadores poidan “reforzar os seus proxectos e volver presentarse na vindeira convocatoria das ERC”. O obxectivo, como resaltou o presidente, “é axudar aos investigadores que desenvolven o seu traballo en Galicia e reter ese talento”.

As axudas concedidas pola Consellería de Ciencia, a través do programa Oportunius da Axencia Galega de Innovación, son de 50.000 euros por finalista e destinaranse a un investigador da UDC (finalista na convocatoria ERC Starting Grant 2024) e a catro investigadores da USC (finalistas nas convocatorias ERC Consolidator e Advanced Grant 2024). No caso de ser seleccionados nas novas convocatorias do Consello Europeo de Investigación (ERC), cada proxecto podería recibir entre 1,5 e 2,5 millóns de euros. “Traballan en eidos coma a fabricación de medicamentos, a química molecular ou a física de altas enerxías”, indicou o presidente.

Tanto pola súa elevada dotación económica como polo seu alto nivel de exixencia científica, as axudas do ERC considéranse un indicador clave da excelencia investigadora das institucións e rexións en que desenvolven o seu traballo os investigadores seleccionados. Ademais, os proxectos financiados polo ERC son xeradores de emprego cualificado e teñen un impacto positivo na innovación, na transferencia de coñecemento e na proxección internacional do ecosistema de I+D que os acolle.

Décimo convenio coas universidades

O novo convenio de axudas a finalistas ERC é o décimo que se establece desde a creación do programa Oportunius en 2014, co que se alcanza a cifra de 42 axudas concedidas a 31 investigadores finalistas. Con esta achega de 250.000 euros, as axudas outorgadas pola Xunta a finalistas ERC superan os 2 millóns de euros. Un investimento que permitiu que dos finalistas apoiados, cinco obtivesen finalmente unha axuda ERC, captando en conxunto máis de 9 millóns de euros para desenvolver os seus proxectos na nosa Comunidade.

O programa Oportunius, enmarcado no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, é un dos proxectos estrela da Xunta de Galicia para xerar, reter, atraer e retornar talento excelente á nosa Comunidade co obxectivo de impulsar a I+D+i galega. Composto por distintas liñas de acción, apoia tanto investigadores que optan a unha ERC para procurar do éxito das súas candidaturas como outros que xa a acadaron.

Galicia ocupa a sexta posición do Estado en proxectos e fondos captados do ERC no período 2007-2024 e a terceira posición na taxa de éxito, é dicir, proxectos concedidos respecto a proxectos presentados, no período 2014-2023.