Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe na celebración da distinción do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) como Unidade de Excelencia María de Maeztu, a acreditación máis prestixiosa a nivel estatal. Este é o segundo centro galego que obtén este recoñecemento despois do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), ambos da Universidade de Santiago.
O titular do departamento de Ciencia da Xunta de Galicia, nun acto xunto ao reitor da USC, Antonio López, felicitou a todo o equipo do CiMUS, con Mabel Loza á cabeza, por esta distinción, que sinalou como “un novo fito na I+D+i galega”. Non en balde, esta acreditación é concedida a unidades de investigación cuxo liderado científico está contrastado a nivel internacional. Neste sentido, explicou a complexidade e esixencia requirida de obter este recoñecemento, que este ano só obtiveron oito centros en todo o Estado, catro deles por primeira vez.
Román Rodríguez eloxiou, ademais, a énfase na transferencia de coñecemento do CiMUS que se centra no estudo dos mecanismos moleculares das enfermidades crónicas e na translación dos resultados para que os pacientes poida recibir solucións terapéuticas de xeito eficiente. “Este centro afonda no sentido real da ciencia: mellorar a vida das persoas a través da investigación”. Igualmente, puxo en valor tamén o impacto científico da actividade do CiMUS, “á que este recoñecemento dá aínda máis visibilidade e, polo tanto, vai permitir captar máis e mellor talento a nivel nacional e internacional”.
Apoio de 15 M€ da Xunta
O conselleiro, que estivo acompañado, polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, salientou o apoio da Xunta a este centro, con máis de 15 M€ para a adquisición de equipamento científico-tecnolóxico ou para o desenvolvemento da súa plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, entre outros. De feito, o CiMUS forma parte da Rede CIGUS, a rede da Xunta composta polos centros de investigación universitarios máis excelentes de Galicia e do que xa forman parte 10 entidades e 1.600 investigadores.