Galicia escala nove posicións no ránking das rexións europeas máis innovadoras

2025-07-20
  • Segundo o informe da Comisión Europea, a Comunidade é a segunda de España que máis evoluciona e sitúase entre as 25 zonas de Europa con mellor comportamento
  • O conselleiro de Ciencia celebra que Galicia “está converxendo en materia de innovación, achegándonos a aquelas rexións máis dinámicas e máis competitivas”

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2025.- Galicia escala nove posicións na clasificación europea de rexións innovadoras da Comisión Europea, o Regional Innovation Scoreboard 2025 que se vén de publicar esta semana. É, ademais, a segunda comunidade autónoma que máis evoluciona en España ao lograr mellorar a súa cualificación en 5,39 puntos, unha nota que só superan Canarias (+5,87) e máis a cidade de Ceuta (+8,05).

Logo do coñecer os resultados deste barómetro bianual, o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, sinala que este sobresaínte avance “é froito da forte aposta que Galicia está facendo pola investigación e a innovación como un dos piares básicos para prepararnos para o futuro”. Neste senso, recordou que a Xunta aprobou este ano o Plan galego de I+D+i 2025-2027 cunha achega de 1.300 M€.

“O mellor termómetro de calquera política pública é avaliar e comparar os territorios máis próximos”, indicou o titular de Ciencia sobre este informe, no que Galicia sobe do posto 155 en 2023 (cando se publicou o anterior informe) ao 146 actual entre as 246 rexións analizadas, “un dato que amosa como converxemos en materia de innovación, achegándonos a aquelas rexións máis dinámicas e máis competitivas de Europa”.

De feito, Galicia avanza a nivel estatal do oitavo ao sexto lugar, tan só por detrás das comunidades tradicionalmente líderes nesta materia (Cataluña, País Vasco, Comunidade de Madrid, Navarra e Comunidade Valenciana) e logra situarse entre as 25 rexións europeas que máis melloran os seus datos neste informe. Do mesmo xeito, comparada coa súa contorna, Galicia continúa acurtando distancias coa rexión Norte de Portugal, pois o noso crecemento multiplica por sete o rexistrado pola rexión portuguesa.

Puntos fortes destacados

O informe da Comisión Europea destaca como puntos fortes de Galicia aqueles indicadores que se sitúan por enriba da media europea, como a poboación con educación superior, as vendas de novos produtos innovadores e a redución de emisións.

Como recordou Román Rodríguez, a boa evolución de Galicia neste tipo de informes non é un caso illado, pois xa a principios de ano o Instituto Nacional de Estatística corroborou a tendencia positiva de Galicia ao situala como a comunidade onde máis medrou o investimento en I+D, o dobre que no conxunto do Estado español.

Ante estas cifras, o titular de Ciencia do Goberno galego animou a todos os axentes que forman parte do ecosistema galego de I+D+i a perseverar e comprometeu que a Xunta de Galicia continuará impulsando políticas públicas que favorezan esta progresión. De feito, esta mesma semana aprobou o programa Activa I+G+i, dotado con 53 M€ para fomentar a transferencia de resultados e estimular a colaboración entre empresas e centros de investigación das universidades e dos principais sectores produtivos. Na súa opinión, “o camiño para transformar Galicia é apostar pola ciencia e polo talento”.