Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025.- O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor esta mañá a capacidade de Galicia para situarse á vangarda da tecnoloxía cuántica no contexto europeo, apoiándose en infraestruturas pioneiras como o computador cuántico QMIO —o máis potente do sur de Europa nunha institución pública- e o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). “Nos últimos anos logramos en Galicia un ecosistema TIC que nos coloca en boa posición par dar o salto e aproveitar as oportunidades da tecnoloxía cuántica”, indicou.
Durante un diálogo conxunto co presidente de Telefónica España, Borja Ochoa, no marco da xornada Galicia Conecta, Rueda subliñou que a Xunta fai “unha aposta decidida” por este sector con apoios e atendendo as necesidades que van xurdindo.
Rueda incidiu ademais na importancia de conectar investigación, empresas e startups para levar a tecnoloxía cuántica do laboratorio ao mercado, xerando innovación con impacto social e económico. “É necesario impulsar a transferencia das investigacións ao sector privado senón estaremos ante avances, pero sen desenvolvemento”, indicou para salientar a importancia de que os resultados do I+D cheguen á sociedade para “ter unha aplicación no mundo real”.
O xefe do Executivo autonómico tamén destacou a relevancia do capital humano, sinalando que Galicia conta cunha base de talento altamente formado grazas ao sistema universitario e a programas especializados, como o Máster en Tecnoloxías Cuánticas. Centros como o Vigo Quantum Communication Center (VQCC), vencellado á Universidade de Vigo, están a atraer perfís internacionais, favorecidos pola existencia dun ecosistema colaborativo estruturado a través da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas.
A Xunta aspira a converter Galicia nun territorio líder en investigación e aplicación de tecnoloxías cuánticas, apoiando solucións industriais reais e fomentando ao mesmo tempo emprego cualificado para que a mocidade galega poida desenvolver o seu futuro sen ter que marchar.
Rueda referiuse tamén ao papel decisivo da I+D+i como motor de oportunidades, especialmente para o talento investigador máis novo. Baixo a marca I+G+i, que sinala o traballo galego neste eido, lembrou que a Xunta conta cun plan “dotado con máis de 1.300 millóns de euros ata 2027” para impulsar a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento. O titular do Goberno galego defendeu que esta estratexia permitirá reter perfís cualificados, fomentar vocacións científicas e favorecer a creación de proxectos transformadores que dean lugar a novas empresas innovadoras e emprego de calidade.