A Xunta de Galicia comeza a definir a futura convocatoria de I+D+i en tecnoloxías profundas

2025-06-27
  • A directora da Axencia Galega de Innovación preside o pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas para analizar traballos e coñecer iniciativas centradas na cuántica

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, presidiu hoxe o pleno da Rede Galega de Tecnoloxías Cuánticas, que integra a 16 entidades co obxectivo impulsar estas tecnoloxías e que contribúa a mellorar o posicionamento de Galicia no eido da investigación en tecnoloxías cuánticas e á adopción das mesmas por parte do tecido empresarial. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP aproveitou esta reunión para comezar a recollida de achegas e definir así, coa aportación doutros axentes, a futura convocatoria de axudas centrada nas tecnoloxías profundas, entre elas a cuántica, que se publicará en 2026.

No pleno tamén se informou sobre a evolución dos traballos desenvolvidos polos comités executivos e dos próximos eventos que se celebrarán en Galicia relacionados coa cuántica. Os comités executivos que están actualmente en funcionamento son o de hardware e software cuántico, liderado polo centro tecnolóxico Gradiant, e o de aplicación das tecnoloxías cuánticas, encabezado polo hub de innovación dixital DIHGIGAL.

Entre os próximos eventos que organizan os membros da Rede atópase o foro Construíndo ecosistemas de impacto en cuántica a finais de setembro e a presentación dos resultados do Plan Complementario de Comunicacións Cuánticas, a comezos de novembro.

Por outra banda, valorouse a participación na convocatoria europea de Vales de Innovación Rexionais, no marco dos Ecosistemas Europeos de Innovación do programa WIDERA. Nesta liña de apoio financiaranse cinco ou seis proxectos co obxectivo de contar con axentes da innovación fortes na Unión Europea, acelerando o desenvolvemento e a despregadura da innovación para abordar os desafíos urxentes aos que se enfronta Europa.

Premio ao proxecto Quorum

O proxecto Quorum, liderado por Gradiant e no que participan varios membros da Rede como o Cesga, o International Quantum Center de Fujitsu e a Axencia Galega de Innovación, ademais de Fidesol Itecam e Qcentroid, recibirá esta noite na Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia o Premio Impulso Dixital Galicia concedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) por situar a innovación en tecnoloxías cuánticas de Galicia nun lugar destacado.

O obxectivo de Quorum é crear unha contorna colaborativa entre as diversas entidades participantes para fomentar a innovación no campo cuántico, desenvolvendo novas solucións tecnolóxicas que poidan aplicarse de maneira práctica en diferentes sectores. Este proxecto busca xerar coñecemento, transferir tecnoloxía, desenvolver talento, crear empresas innovadoras e identificar casos de uso no ámbito da computación cuántica. Ademais, contribuirá á consolidación do Polo de Tecnoloxías Cuánticas de Galicia, a iniciativa estratéxica da Xunta de Galicia para posicionar á Comunidade como un referente internacional nestas tecnoloxías no horizonte do 2030.