A Xunta apoia con máis de 2,6M€ á contratación de 15 estudantes de doutoramento en empresas e centros tecnolóxicos nos que desenvolverán a súa tese

2025-06-23
  • O Consello aproba a convocatoria da quinta edición de Doutoramentos Industriais, cun incremento do orzamento en case 1M€ e a duración das axudas de tres a catro anos
  • Posibilita realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, favorecendo a investigación colaborativa, a transferencia de coñecemento e a inserción laboral
  • En conxunto, as catro convocatorias anteriores permitiron a contratación de 61 doutorandos en sete centros tecnolóxicos e 45 empresas cun orzamento de 7,5M€

O Consello da Xunta aprobou hoxe a convocatoria da quinta edición do programa Doutoramentos Industriais, unha iniciativa dotada con 2.625.000 euros para apoiar a contratación de 15 estudantes en empresas e centros tecnolóxicos nos que desenvolverán a súa tese doutoral. Este ano, como novidade, o orzamento increméntase case en 1M€ e a duración das axudas pasa de tres a catro anos, co obxectivo de reforzar a competitividade e o atractivo desta liña de apoio para a formación de persoal investigador.

O programa, promovido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, permite deseñar e realizar a tese doutoral nunha contorna empresarial, orientando o proxecto de investigación á resolución das necesidades e problemas dunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía, en colaboración coas universidades públicas galegas que se encargarán da formación investigadora da persoa doutoranda.

Deste xeito, os Doutoramentos Industriais favorecen a investigación colaborativa entre empresas ou centros tecnolóxicos e a universidade, o que posibilita a transferencia de coñecemento. Ademais, tamén potencia a captación de mozos e mozas investigadores, posibilita a incorporación de persoal doutor ás empresas unha vez que remate a duración destas axudas e fortalece a colaboración entre diferentes sectores da I+D+i galega.

Os doutorandos deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade do Sistema Universitario Galego e ter unha persoa directora da tese vinculada ao programa. As axudas inclúen tanto os custos de contratación, gastos relacionados co proxecto no ámbito da empresa ou centro tecnolóxico e apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro como gastos relacionados co desenvolvemento do proxecto no ámbito da universidade e o custo da matrícula.

Balance das edicións anteriores

Desde a súa posta en marcha no ano 2021, os Doutoramentos Industriais permitiron a contratación de 61 doutorandos en sete centros tecnolóxicos e 45 empresas a través dun orzamento total de 7,5M€. En canto ás universidades, 34 doutorandos están asociados á Universidade de Santiago de Compostela, 15 á Universidade de Vigo e 12 á Universidade da Coruña.

Os Doutoramentos Industriais forman parte da aposta da Xunta de Galicia polo talento investigador desde as fases iniciais. A maiores deste programa, na actualidade están en vigor convocatorias para 722 contratos predoutorais e posdoutorais cun investimento de 103M€. Estes programas, enmarcados no Plan galego de investigación e innovación, súmanse ás medidas postas en marcha polo Goberno galego co obxectivo de captar e reter investigadores e crear emprego de calidade neste eido.