Galicia contará no Cesga cun Centro Demostrador de Datos para as Ciencias da Vida no que se investirán 9 M€

2025-06-18
  • O Cesga desenvolverá, cunha axuda de 3M€, unha plataforma tecnolóxica e un caso de uso de xestión da vacinación baseada en datos
  • Outros seis casos de uso do eido sanitario e socio-sanitario, financiados cun millón de euros cada un, empregarán este demostrador para avanzar nas súas investigacións

Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), Carmen Cotelo, participou hoxe na xornada Oportunidades do Espazo de Datos DATAlife para as Ciencias da Vida e One Health na que se presentou o demostrador multisectorial DATAlife, no que se investirán un total de 9M€. O uso deste espazo permitirá avanzar no desenvolvemento de tecnoloxías e coñecemento grazas a compartir datos para a súa explotación en beneficio da sociedade.

A xornada, organizada pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP a través do Cesga, deu a coñecer a investigadores e empresas do sistema biotecnolóxico español os servizos, casos de uso, oportunidades de financiamento dispoñibles e vías de colaboración coa nova plataforma que porá en marcha o Centro de Supercomputación.

Carmen Cotelo apuntou que este proxecto “exemplifica a evolución do papel do Cesga desde unha infraestrutura de cálculo e almacenamento cara un provedor de servizos e motor de colaboración doutros axentes do tecido innovador e investigador de Galicia”. A representante da Consellería de Ciencia destacou, ademais, as capacidades de Galicia tanto en supercomputación, coa ampliación do Cesga en marcha, como en Ciencias da Vida, dous ámbitos identificados como iniciativas de alto impacto no Plan galego de investigación e innovación 25-27.

A plataforma tecnolóxica

En concreto, o Cesga desenvolverá unha plataforma tecnolóxica que incluirá tanto un espazo de datos como outros compoñentes de software que permitan o despregue de casos de uso para desenvolver probas de concepto coa tecnoloxía de espazo de datos. Para iso, conta cunha axuda de preto de 3,1M€ procedentes de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública. Deste xeito, o demostrador permitirá impulsar a investigación e a innovación no eido da One Health, facilitando o intercambio seguro, eficiente e soberano de datos.

Ademais, o Cesga desenvolverá un caso de uso, FarmaciaVAX, baseado en datos abertos e sintéticos, que servirá de exemplo para outros casos de uso e cuxo obxectivo é realizar unha xestión da vacinación baseada en datos, co fin de incrementar a taxa de vacinación e explorar novas modalidades de aplicación de vacinas en farmacias.

Así mesmo, outros seis casos de uso de diversas áreas do sector sanitario e socio-sanitario —relacionados coa xestión de datos sanitarios, xestión hospitalaria, investigación sanitaria ou coidado de persoas maiores, entre outros- poderán empregar o demostrador para avanzar nas súas investigacións. Cada un deles conta cun financiamento dun millón de euros adicional.