A Xunta avanza novos apoios á biotecnoloxía galega como referente a nivel nacional e internacional

2025-06-17
  • A directora da Axencia Galega de Innovación participa no primeiro foro da industria dos bioprocesos no Espazo Atlántico Europeo, organizado por Bioga co apoio da Consellería

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, destacou hoxe as capacidades do ecosistema biotecnolóxico galego para converterse nun referente a nivel nacional e internacional. Fíxoo durante a inauguración do primeiro Atlantic Bioprocessing Summit, foro da industria dos bioprocesos no Espazo Atlántico Europeo. O evento, organizado por Bioga co apoio da Xunta, reuniu a expertos internacionais arredor da innovación alimentaria, a sustentabilidade e a industria agrotech.

Neste sentido, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apuntou que a biotecnoloxía é un sector estratéxico para Galicia polo seu potencial e pola súa capacidade para impulsar a innovación noutros sectores máis tradicionais. De feito, actualmente estase executando a Estratexia de Consolidación do sector.

Ademais, o novo Plan galego de investigación e innovación identifica a biotecnoloxía como unha iniciativa de alto impacto, xunto ás tecnoloxías profundas, as tecnoloxías limpas e a innovación desde a demanda, polo seu potencial para impulsar unha transformación profunda e lograr impacto económico no tecido produtivo.

Neste contexto, a directora anunciou apoios enfocados ao sector como a próxima convocatoria Nexos, para apoiar proxectos colaborativos de I+D+i entre empresas e centros de coñecemento; a creación dunha oficina piloto de transferencia especializada no sector biotecnolóxico; dúas novas convocatorias en 2026 para proxectos individuais de I+D e para proxectos colaborativos en biotecnoloxía e novos instrumentos para fomentar o emprendemento.

Os bioprocesos

Os bioprocesos son unha rama da enxeñaría bioquímica ou da biotecnoloxía industrial que empregan organismos vivos ou compoñentes biolóxicos para producir un produto, transformar materiais ou degradar substancias. Algunhas das súas aplicacións son, por exemplo, a formulación de vacinas mediante bioprocesos, a produción de proteínas alternativas ou a produción de biopesticidas ou biofertilizantes.