Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, abriu este luns unha xornada informativa sobre oportunidades de financiamento europeo no programa Horizonte Europa no que participaron arredor de 80 entidades da nosa Comunidade. En concreto, a sesión estivo centrada nos ámbitos do clima (clúster 5), alimentación, bioeconomía, recursos naturais, agricultura e medio ambiente (clúster 6), economía circular (CBE JU 2025), xestión sostible da auga (PRIMA) e solo e agricultura (Missions).
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP apuntou que, precisamente, o clúster 6 é un dos eidos temáticos nos que obteñen mellores resultados as entidades galegas, xunto ao clúster 4 (industria). Segundo datos provisionais facilitados por CDTI (Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación), o retorno obtido polas entidades galegas en Horizonte Europa no período 2021-2027 a día de hoxe ascende a 161,6M€ a través de 122 entidades. En total, súmanse 2.300 participacións de entidades localizadas en Galicia, das que resultaron aprobadas 468, o que supón unha taxa de éxito do 20,5%, que mellora substancialmente a taxa do 15,1% obtida no anterior programa marco, correspondente co período 2014-2020.
O financiamento acadado a falta de ano e medio para a finalización do programa representa o 85% do conseguido en todo o programa anterior, un dato que confirma o notable incremento. Estes datos amosan tamén un destacado aumento en termos relativos do retorno fronte á UE (un 30% máis) e, en relación co total conseguido polo conxunto de España, Galicia pasou de supor o 3,1% ao 3,7%, un 17% máis.
Por tipo de entidades, as universidades e os centros tecnolóxicos obteñen o 70% do retorno. Por ámbitos, destacan os resultados nos clústeres 4 (industria) e 6 (bioeconomía e alimentación). No piar de Europa Innovadora, destaca a participación galega nos instrumentos Explorador e Transición do Consello Europeo de Innovación.