O Cesga e a Universidade de Pensilvania alíanse para acelerar o descubrimento de novos fármacos contra bacterias resistentes aos antibióticos

2025-05-13
  • O conselleiro de Ciencia, Román Rodríguez, e o catedrático de Biotecnoloxía da institución norteamericana, César de la Fuente, visitan as instalacións do Cesga
  • Este centro de supercomputación traballa coa universidade estadounidense para mellorar as capacidades das entidades en medicina e bioloxía, así como en tecnoloxías de computación e datos para a investigación en saúde e a bioinformática

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou co catedrático de Biotecnoloxía da Universidade de Pensilvania, o galego César de la Fuente, o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) para firmar un convenio de colaboración entre a Xunta e esta institución académica estadounidense. Durante a visita, o investigador, pioneiro no emprego da intelixencia artificial para o desenvolvemento de antibióticos, puido coñecer as instalacións do centro co que colaborarán para acelerar o descubrimento de antibióticos fronte a bacterias resistentes.

Acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, o representante da Xunta de Galicia afirmou que esta colaboración entre o Cesga e a Universidade de Pensilvania contribúe a “mellorar as capacidades de investigación de ambas entidades”, proporcionando información na área de descubrimento de fármacos que permitirá ao Cesga adestrar modelos de intelixencia artificial. Así mesmo enriquecerá a capacidade de cálculo e infraestruturas de datos, así como o coñecemento nas áreas de computación de altas prestacións, intelixencia artificial, bioinformática, biofísica computacional e sistemas moleculares. No marco desta colaboración, o Cesga achegará investigadores e técnicos nestes campos, mentres que a Universidade de Pensilvania proprocionaraos para o descubrimento de antibióticos mediante intelixencia artificial.

Román Rodríguez destacou a experiencia do Centro de Supercomputación de Galicia no servizo e colaboración con grupos de investigación e empresas no eido das ciencias da vida, máis concretamente en simulación numérica para caracterización e deseño de moléculas de interese, de dianas para fármacos, descubrimento e deseño de medicamentos, análise xenómica e proteómica, creación de repositorios de datos médicos e aplicación da intelixencia artificial a temas relacionados coa medicina personalizada.

Ademais, o Cesga está desenvolvendo actualmente un demostrador de espazo de datos focalizado na área OneHealth (saúde humana, animal, seguridade alimentaria e medioambiental) cunha actividade significativa arredor das resistencias microbianas.

O responsable da área de Ciencia do Goberno galego tamén quixo destacar as capacidades de Galicia en investigación biomédica e biotecnoloxía, un sector estratéxico no que se está a desenvolver unha Estratexia de consolidación do sector e cuxo investimento en I+D+i representa o 17% de todo o gasto en I+D+i de Galicia. Outra das áreas estratéxicas de Galicia son a supercomputación e as tecnoloxías cuánticas polas que Galicia está a apostar firmemente, como queda reflexado no Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. “Neste contexto, o Cesga desenvolve un papel crucial dando servizo a investigadores de referencia e ofrecendo unhas infraestruturas singulares na nosa contorna”, engadiu Román Rodríguez.