Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
O Porriño, 6 de maio de 2025.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, visitou hoxe a obra de construción do novo centro de fabricación intelixente e sustentable do centro tecnolóxico da Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) no Porriño, ao que a Xunta de Galicia achega 3,2M€ a través da liña de fortalecemento e ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos, cofinanciada con fondos europeos do programa Galicia Feder 21-27.
O novo edificio, que se atopa na fase de cimentación e que se agarda estea rematado en marzo de 2026, acollerá novas liñas de investigación centradas na fabricación avanzada e sustentable. En concreto, impulsará dúas liñas de investigación en fabricación de alta cadencia (automoción, electrónica, compoñentes de madeira…) e en compoñentes de gran tamaño (aeronáutica, enerxía, naval…).
O titular de Ciencia destacou a contribución desta nova infraestrutura ao reforzo das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos e, por ende, do ecosistema galego de I+D+i, actuando como un polo de atracción e retención de talento e mellorando o posicionamento internacional dos centros tecnolóxicos galegos. Román Rodríguez sinalou tamén a importancia de impulsar a innovación aberta a través da posta a disposición de equipamentos de investigación e experimentación que afiancen as colaboracións estratéxicas co resto do ecosistema galego de innovación.
Convocatorias de apoio a centros tecnolóxicos
O representante do Goberno galego tamén anunciou que está previsto en datas próximas a publicación dunha nova edición desta liña de axudas de infraestruturas de centros tecnolóxicos, dotada con 8 millóns de euros cofinanciados con fondos Feder, así como da convocatoria de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitiva dos centros tecnolóxicos consolidados, dotada con 6,2 millóns de euros, para financiar a súa actividade basal durante o periodo 2025-2026.
Estas dúas convocatorias, enmarcadas no novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027 e que implican 14,2 millóns de euros de dotación en 2025, súmanse aos máis de 200 millóns de euros investidos nos centros tecnolóxicos galegos a través da Axencia Galega de Innovación dende 2009.