Galicia expón a súa traxectoria en compra pública de innovación nun encontro internacional en Portugal
2026-03-19
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2025.- A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, compareceu esta mañá a petición propia ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia para explicar o novo Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP definiu este instrumento como “a nova folla de ruta da Xunta de Galicia para a I+D+i no próximo trienio, para nunha Galicia máis innovadora, máis creativa, máis competitiva, que aposta pola ciencia, a investigación e a innovación para construír o seu futuro“.
Dotado con máis de 1.310 millóns de euros, un 20% máis que o plan anterior, inclúe 165 actuacións articuladas a través de cinco programas verticais, catro eixes estratéxicos transversais —denominados iniciativas de alto impacto- e un eixe base de simplificación administrativa. Carmen Cotelo apuntou que se trata dun plan fortemente coordinado coas estratexias e mecanismos de financiamento existentes tanto a nivel europeo como nacional e que se elaborou a través dun amplo proceso participativo.
A directora da Axencia informou de que o plan mantén actuacións do plan anterior e que destacaron polos seus resultados positivos, máis inclúe novos instrumentos adaptados ás necesidades do ecosistema galego de I+D+i. Entre estas novidades destacan a inclusión de iniciativas de alto impacto —focalizadas en catro ámbitos clave de oportunidade para Galicia como son a biotecnoloxía, as tecnoloxías profundas, as tecnoloxías limpas e a innovación desde a demanda-; a ampliación das actuacións para atraer talento científico —como a creación dunha nova entidade dedicada a isto, a Fundación Galtia- e novas medidas de impulso á transferencia e á valorización do coñecemento —como a aplicación do modelo venture building ou a creación dunha oficina piloto de valorización do coñecemento especializada en biotecnoloxía-.
Ademais, este plan dálle un especial protagonismo á innovación local e contempla o apoio á creación de plans locais de I+D+i, como instrumentos estratéxicos que permitirán aos concellos identificar desafíos concretos e deseñar solucións adaptadas ás súas necesidades específicas, fortalecendo o seu papel no ecosistema innovador galego e en colaboración con el.